Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/05/2021 | Actualizada ás 12:00
O vindeiro venres 4 de xuño terá lugar o “XIV Foro de Interacción Matemática Industria”, no edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, entidade colaboradora da xornada. Trátase dun encontro organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial ( ITMATI), con sede na Universidade de Santiago, e que consolida o traballo dos grupos de investigación en Matemática Industrial das áreas de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas co fin de potenciar a transferencia de tecnoloxía matemática á industria e ao sector produtivo.
Durante a xornada, as empresas convidadas exporán as necesidades tecnolóxicas que xorden no seu sector de actividade e ás que se pode dar resposta a través do modelado, a simulación e a optimización de procesos e dispositivos, a estatística ou Big Data, entre outras ferramentas. O principal obxectivo do foro, de carácter bi-anual e itinerante polos diferentes campus universitarios de Galicia, é fortalecer a colaboración e sinerxias entre as empresas, as universidades e os estudantes actuais, futuros e antigos alumnos.
Celebrarase simultaneamente en modalidade presencial e virtual, e prevese que asistan algo máis de setenta persoas do ámbito académico e empresarial. As intervencións de expertos empresariais combinaranse coas de representantes do ITMATI, quen presentará o seu modelo de éxito na transferencia de tecnoloxía matemática e innovación industrial, así como os dous programas máster que imparten conxuntamente as tres universidades galegas, que son o Máster de Matemática Industrial (M2i) -con participación das universidades Carlos III e Politécnica de Madrid- e o Máster en Técnicas Estatísticas ( MTE).
A este respecto, Elena Vázquez Cendón, investigadora adscrita a ITMATI, decana da
Facultade de Matemáticas da USC, profesora titular de Matemática Aplicada na mesma
universidade e membro do Comité Científico do foro, destaca o alto volume de empresas e entidades que colaboran con ambos os másteres mencionados anteriormente, que en total suman ao redor de 120 organizacións. “Isto permítenos xerar unha potente rede de coñecemento e innovación, formar a mozos profesionais e facilitar a súa incorporación a empresas de proxección nacional e internacional, escoitar aos sectores produtivos e favorecer a súa competitividade, á vez que resolvemos problemas sociais para lograr un mundo mellor”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.