Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 19:10
Os veciños de Santiago de Compostela poderán solicitar permiso a partir deste martes para celebrar "cacharelas" e sardiñadas na noite de San Xoán en recintos privados. A xunta de goberno local aprobou este luns a normativa que rexerán estas celebracións, que de novo non poderán ocupar terreos nin espazos públicos debido ás restricións impostas pola pandemia sanitaria.
Para iso, os particulares interesados poderán presentar solicitude a través da páxina municipal entre este martes e o próximo 21 de xuño, mediante o 'banner' instalado na web do Concello.
Segundo a normativa municipal, as reunións non poderán exceder as 10 persoas en exterior e seis en interior, e recomendarase o uso de máscara e o mantemento da distancia de seguridade, ademais das medidas de hixiene de mans.
No caso de que a propiedade se atope en zona urbana, o volume do combustible da fogueira non excederá os dous metros de diámetro, seis de perímetro, e o metro de altura. Nas zonas rurais estes valores poderán incrementarse ata o tres, nove e tres metros, respectivamente.
O particular deberá prestar especial coidado en situar a fogueira afastada de vivendas, vehículos, instalacións ou locais nos que se almacenen produtos inflamables, ademais de tendidos eléctricos, telefónicos ou masas arbóreas e vexetais.
Así mesmo prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e outras sustancias que poidan desprender fume tóxico, ademais de líquidos inflamables ou gases a presión.
A fogueira deberá estar vixiada ata a súa total extinción por parte das persoas solicitantes e a hora límite para finalizar as celebracións entre non conviventes será a 01,00 da madrugada (3,30 horas para conviventes).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.