Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 19:21
O grupo parlamentario do PSdeG censurou este venres que o PP apoie o "clientelismo" e "enchufismo" da Deputación de Ourense, ao votar en contra dunha proposición non de lei presentada polos socialistas e na que se instaba á Xunta a reclamar á entidade provincial un cambio no seu modelo de actuación política con respecto á repartición de fondos públicos.
O deputado Juan Carlos Francisco lembrou que, co informe de fiscalización da Deputación presentado polo Consello de Contas, ponse de manifesto a existencia dunha "armazón política e económica" dirixido por José Manuel Baltar, que usa a institución "como empresa de colocación afín aos intereses do PP e a xente vinculada a este partido".
O parlamentario do PSdeG apuntou que o Consello de Contas alerta de irregularidades e "descontrol" no manexo de diñeiro público, e engadiu que "o culmen é a adxudicación dos contratos e subvencións", a maioría ás mesmas empresas e entidades "próximas ao PP".
Por todo iso, advertiu de que "hai que pór punto e final a estas políticas" e reclamou á Xunta que se pronuncie, "e máis cando Feijóo opina de todo menos do que ocorre en Ourense". "Quizá porque hai que manter ese goberno, ese pacto cualificado como letal polo propio presidente", afirmou Juan Carlos Francisco.
Pola súa banda, a portavoz de Orzamentos do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, tamén criticou a "continua actuación caciquil" na repartición de fondos públicos por parte da Deputación de Ourense. Tras criticar as "prácticas de dedazo de Baltar", a deputada explicou que o Plan Único aprobado polas deputacións e destinado aos municipios é "desequilibrado" no que respecta á entidade ourensá.
Segundo afirmou, mentres que as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo destinan aos seus concellos 64,6 millóns de euros, 42,2 millóns e 21,5 millóns, respectivamente, a Deputación de Ourense, "tan só dedicou 7,2 millóns para os seus 92 concellos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.