Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 14:15
Volve caer a sombra sobre a xestión das UCIs galegas. Logo duns meses de calma para a Consellería de Sanidade, o Sergas vese sinalado novamente por un caso que, desta vez, emerxe da área sanitaria de Ferrol. Traballadores do CHUF denuncian que a xerencia vén de pechar unha UCI covid ao completo para instalar un robot cirúrxico co que comezar a facer prácticas.
Esa é a denuncia dunha fonte que prefire permanecer no anonimato ante as represalias xa reportadas por outros sanitarios que, meses atrás, decidiron tomar a iniciativa contra a xestión do Sergas, entre eles os de Santiago de Compostela. Segundo denuncia esta persoa, a xerencia procedeu ao peche da UCI II do complexo hospitalario de Ferrol, que ata ese momento estaba a ser empregada como unidade covid; é dicir, destinada exclusivamente a pacientes afectados polo virus pandémico.
A problemática está en que, con este peche, o CHUF queda cunha soa UCI destinada a pacientes covid: a número I. Nela converxen tanto enfermos afectados pola pandemia como ingresados ‘limpos’, cuestión que contravén os protocolos do Ministerio de Sanidad pero que, neste caso, queda atenuada en tanto que as camas instaladas contan con mamparas protectoras.
O peche da UCI II, habilitada de novo co comezo da pandemia, tería tido lugar o luns pasado, unha vez esta quedou sen pacientes covid tras o rexistro de varias altas. A fonte consultada por Galicia Confidencial apunta que os superiores da área de Ferrol non deron prazo para a finalización destas prácticas co robot ‘Da Vinci’: “eles estiman que esa UCI non se vai ter que volver abrir”, destaca.
"IMOS QUEDAR SEN CAMAS"
Con todo, e a ollos da mesma persoa, esta posibilidade non queda pechada en tanto que a flutuación de ingresos e altas é “constante”. “Sorprendeunos que sen ter rematado o problema covid se meta o Da Vinci nunha área que pode ser funcional [para loitar contra a pandemia]”. Neste aspecto, o denunciante sostén que a área de Ferrol conta con espazos baleiros e perfectamente válidos para instalar o robot, e sinala ao Hospital Naval, que segundo destaca conta cunha área destinada especificamente para facer prácticas.
A perda desta UCI II podería deixar o CHUF en dificultades no caso de que os ingresos repunten; circunstancia que non se descarta logo de que a análise de augas residuais da Coruña dera proba dun incremento da variante Delta, procedente da India, e que se aventura aínda máis perigosa e resistente que a temida cepa británica.
“O que vai pasar é que imos quedar sen camas”, subliña este sanitario, que apunta que, no caso dunha eventual sobrecarga, os pacientes críticos ‘limpos’ irían parar á unidade de reanimación do clínico ferrolá. Esta solución, porén, supoñería á súa vez novos problemas, xa que a REA está a ser empregada, nestes momentos, para a recuperación de pacientes en post-operatorio.
SUSPENSIÓN DE QUIRÓFANOS
As consecuencias, a ollos deste sanitario, son claras: “Se o parte de quirófano está completo e metemos doentes na REA hai que suspender quirófano”. E engade outra posibilidade: “Se unha noite hai catro ingresos, onde se meten despois as persoas de quirófano?”
O optimismo manifestado pola xerencia á hora de pechar esta unidade contraponse ao panorama debuxado por esta fontes, que sostén que, se ben “hai un menor número de ingresos no hospital”, os pacientes UCI non descenden ao mesmo ritmo, chegando a supoñer “case o 50% do total” apenas días atrás.
“O que xera isto é que te presionen para dar altas precoces. Non ten outra explicación”, subliña a fonte consultada, que carga contra a xestión desenvolta polos responsables da área de Ferrol nos últimos meses. “Cada día cambia. Coa covid nós non sabiamos o que había que facer. Chegas ás gardas e tes que improvisar”, asegura.
VERSIÓN DA XERENCIA
De parte da xerencia subliñan que a incidencia de covid nas UCIs ferrolás se sitúa en tan só dous ingresados, razón pola cal non habería necesidade de aumentar as camas de críticos máis alá desas dez que xa estaban dispostas antes da chegada da pandemia. “Ao ir diminuíndo a demanda de camas en UCI covid, os diferentes espazos habilitados como UCI foron retornando á súa actividade pre-covid”, destacan. De aí que subliñen que "non parou ningunha actividade, nin se pechou ningunha UCI [para a instalación do Da Vinci].
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.