Ser vítima de violencia machista e que te defenda un avogado condenado por maltrato

Esta é a "perversa" situación que denuncian varias mulleres galegas a través da asociación feminista Fademur. A Xunta di que velar porque isto non ocorra "non lle corresponde" a ela e deita a responsabilidade sobre os Colexios de Avogados, que aseguran non ter constancia destes casos nin tampouco as ferramentas para detectalos. O grupo socialista levou a situación ata o pleno do Parlamento.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Imaxina ter dado o difícil paso á fronte de denunciar a túa parella por violencia de xénero e que o avogado de oficio que che asignan e no que debes confiar no longo proceso xudicial ten unha sentenza firme por actos desta mesma natureza contra a súa compañeira sentimental. Son varias mulleres de distintas zonas de Galicia as que recoñeceron vivir esta situación e o puxeron en coñecemento da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) dentro da súa liña de traballo centrada na prevención, detección e atención a mulleres en situación de maltrato. "Non falamos dun, nin de dous, nin de tres casos. Son varias mulleres as que nos relataron que foran atendidas por letrados condenados", explica a secretaria xeral da organización, Cristina Pedreira, que insiste en que "o simple feito de que esta posibilidade poida ter lugar resulta perverso". 

Manifestación polo 8M en Vigo. MARTA VÁZQUEZ
Manifestación polo 8M en Vigo. MARTA VÁZQUEZ | Fonte: EUROPA PRESS

A falta de anonimato nos ámbitos rurais foi o que permitiu que esta realidade saíse á luz. Se ben é un 'hándicap' á hora de que as mulleres falen publicamente do que está a acontecer na súa casa e de que presenten unha denuncia, precisamente esta pouca privacidade facilitou visibilizar unha situación que en entornos urbanos sería máis difícil de detectar. "Nos sitios pequenos todo se sabe", resume Pedreira, "ao final, o avogado que che toca é o 'fillo de', ou o 'veciño de'... Aínda que estou convencida de que pode suceder en calquera lado". Ao fío disto pregúntase: "Que tipo de protección, información, asesoramento e acompañamento pode propiciarlle a unha muller vítima de violencia de xénero unha persoa que de forma probada exerceu esa mesma violencia contra outra muller? E que confianza vai ter a muller defendida?". "Non pode ser", zanxa.

A XUNTA DI QUE O ASUNTO "NON LLE CORRESPONDE"

O coñecemento destes casos pon en cuestión a normativa pola que se rexe a asistencia xurídica gratuíta e a adecuación dos requisitos esixidos aos avogados do turno de oficio para poderen exercer na quenda especializada en violencia de xénero. A asociación presentou a finais do ano 2020 unha queixa sobre esta problemática ante a Valedora do Pobo, quen á súa vez trasladou o asunto ao Defensor del Pueblo ao entender que non era exclusivo de Galicia. Nela solicitábase unha modificación da normativa para que os avogados nalgún momento condenados por actos de violencia de xénero non puideran defender mulleres en situación de maltrato. "Queremos que, de forma obrigatoria, os letrados desta quenda presenten regularmente un documento de antecedentes penais, algo similar ao que acontece cando se traballa con menores", explican dende a organización.

Tamén solicitan que aqueles profesionais que fosen condenados e "non o puxeran en coñecemento do Colexio de Avogados", sexan "sancionados ou corrixidos no seu debido momento". A isto engádese unha terceira petición: que os procedementos posteriores vinculados á condena inicial sexan levados polo mesmo profesional para evitar que as mulleres teñan que "revivir e contar constantemente os feitos". O fin último de todas estas demandas é evitar a "revitimización" das mulleres en situación de maltrato durante o seu proceso de denuncia. 

"Non queremos que todo isto quede nunha mera recomendación", puntualiza Pedreira; e con ese ánimo firme seguen movendo fíos. Nunha recente reunión co Director Xeral de Xustiza, Juan José Martín, atoparon "receptividade" para desenvolver cambios e contribuír a que "esta desprotección non exista". "A Xunta ten as competencias transferidas para poder establecer medidas específicas ou máis restritivas" ao exercicio da avogacía neste eido, indica Fademur. Con todo, a administración galega semella agora pasar o balón aos Colexios de Avogados. A problemática chegou ao Parlamento de Galicia esta mesma semana da man do grupo parlamentario socialista, e alí mesmo, a Xunta alegou que non lle corresponde velar por que os avogados condenados por violencia de xénero non se encarguen da defensa de vítimas deste tipo de delitos. As tarefas de vixilancia recaen nos Colexios de Avogados, resolve.

OS COLEXIOS DE AVOGADOS, SEN FERRAMENTAS PARA DETECTAR ESTES CASOS

Pola súa banda, os Colexios de Avogados indican que non teñen posibilidade de coñecer estas situacións ao "non ter acceso aos antecedentes penais", posto que a Lei o prohibe con carácter xeral. O Xulgado só os informa se a condena inclúe a inhabilitación profesional do letrado. O decano do Colexio da Avogacía de Pontevedra e presidente do Consello de Avogacía Galega, Ramón Jáudenes, asegura que "non recibiron ningunha queixa ou denuncia desta insólita situación". "Mais, na quenda de oficio, se se produce un caso coma este, incluso un simple suposto de conflito de intereses entre a cliente e o letrado designado, desígnase un novo letrado ou letrada. Nin sequera fai falta ter acceso aos antecedentes penais. Abonda con que quen resulte beneficiario da xustiza gratuíta poña os feitos en coñecemento do Colexio", indica.

Porén, dende Fademur consideran que a resposta a esta problemática non pode depender do criterio e "bo facer" de cada colexio, que "non poñemos en dúbida", nin tampouco trasladar a responsabilidade da detección e aviso do caso á muller afectada. Por iso, tanto avogado como asociación poñen o foco no ámbito legal. Polo momento, a Lei non deixa marxe de manobra ao "non prohibir que calquera profesional (médico, xuíz, policía, avogado, psicólogo) condenado por violencia de xénero poida seguir exercendo a súa profesión con vítimas de violencia unha vez cumprida a condena", expón Jáudenes. Así pois, se un Colexio quixese prohibir que un colexiado exercese a profesión, "debería haber unha lei ou sentenza" polo medio que así o establecese. "Estamos sometidos e supeditados á Lei e a estas circunstancias", insiste o decano.

Galicia Confidencial contactou igualmente co Colexio de Avogados da Coruña, que só indica que "non ten constancia" da existencia destas situacións e que "no caso de producirse, estudaríase a toma de medidas". Para o resto de cuestións formuladas non se obtivo resposta ningunha.

PERSPECTIVA DE XÉNERO E XUSTIZA

De forma parella, as denuncias destas mulleres por medio de Fademur volven poñer no punto de mira a práctica con perspectiva de xénero na xustiza galega. Pedreira pide reforzos e un maior control. Jáudenes salienta que "a formación do Consello da Avogacía Galega é a máis innovadora e completa na materia que se imparte neste momento en todo o Estado español", con "miles de páxinas de teoría e práctica, lexislación e xurisprudencia en continua renovación", "clases e titorías telemáticas todos os xoves a cargo de especialistas na materia" e "probas de avaliación que hai que repetir cada ano". "Nesta materia nada é suficiente", engade.

A atención á perspectiva de xénero queda en entredito tamén no propio desenvolvemento do xuízo por parte doutros profesionais que entran en xogo. Nestoutra reportaxe publicada aquí mesmo hai uns meses, o avogado Borxa Colmenero indicaba que el mesmo batera con "algún xuíz ou xuíza abertamente machista levando xulgados de violencia sobre a muller. Incluso con queixas formais interpostas contra estas persoas, sen seren removidas dos seus postos". Unha actitude que se traduce tamén nun factor de ralentización dos propios enxuizamentos, que precisamente é outra das denuncias que agora Fademur volve poñer enriba da mesa. Segundo dicía Colmenero naquela peza, de forma "aínda bastante estendida" non se entende esta xurisdición especializada en violencia de xénero como "prioritaria", e polo tanto, como asuntos nos que "a celeridade é moi importante". 

VIOLENCIA DE XÉNERO EN AUMENTO NO RURAL

Os datos debuxan un contexto negro a todo o que vén de relatarse. No que vai de ano, 21 mulleres foron asasinadas polas súas parellas homes en todo o Estado español. Dende Fademur, en tanto que organización que traballa con mulleres do rural, debullan estes datos atendendo ao factor da ruralidade, e o que resulta é igualmente preocupante: no ano 2020, o 36% das mulleres asasinadas vivían no rural. Só no que levamos do ano 2021, esa cifra aumenta ao 55%. "Algo falla na sociedade", indica Cristina Pedreira, que lanza unha chamada de alerta sobre esta situación: "As campañas non están chegando a estas zonas, os recursos son moito menores e o anonimato nos Centros de Información ás Mulleres nos pobos non está garantido; iso fai que o número de denuncias sexa baixísimo. Hai que deseñar campañas específicas para o rural", sentenza Pedreira.

E deixa logo unha última reflexión: "As asasinadas son a cúspide visible dunha pirámide moito máis profunda. Se isto é o que vemos, canto haberá dentro das casas sen que ninguén o saiba?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta