Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/07/2021 | Actualizada ás 22:00
A rexeneración da ría do Burgo supón un reto en si mesmo ante máis de sesenta anos de verteduras descontroladas. Se primeiramente foran industrias cuxas verteduras ían parar directamente ás augas da ría, co tempo a construción sen planificación arredor da liña de costa non levou parella un sistema de depuración de augas residuais. A consecuencia foi a acumulación de residuos que prexudicaron actividades como a marisqueira e a baixa de calidade en canto a salubridade das augas da ría. Durante anos veciños da área pediron unha solución ás diferentes administracións. Desta maneira puideron ver como desde o Goberno central e a Xunta de Galicia, así como autoridades locais, recorrían aos ámbitos competenciais para sinalar quen debía asumir todo ou parte do dragado da ría para a súa rexeneración.
A SITUACIÓN PRECEDENTE
A instalación dunha compañía aceiteira nos anos 1960 do pasado século foron as causantes dos primeiros problemas ambientais na ría do Burgo. Esta empresa, cuxo último nome era Bunge, vertía directamente os seus residuos ás augas da ría. Esta fábrica só tiña unha foxa séptica que acabou sobordada pola cantidade de residuos industriais saídos desa factoría. A factoría pechou as súas portas mais o dano estaba feito.
O boom inmobiliario experimentado en concellos como Oleiros, Culleredo e Cambre precisaba dunha rede de alcantarillado e unha estación depuradora. Os residuos ían parar ás augas da ría. A estación depuradora non se instalou. Foi anos despois que se colocou un sistema de colectores para desviar as augas residuais cara a EDAR de Bens, na Coruña.
A situación estourou definitivamente durante a primeira década do século XXI, cando colectivos de mariscadores e veciñais comezaron a facer presión ante o que consideraban un “ambiente insalubre” debido aos malos cheiros e á degradación “máis que evidente da ría”. “O que había detrás era un conflito de competencias entre Goberno central e Xunta de Galicia para dirimir quen tiña o deber de limpar a ría” sinala Amancio Sotillo da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo. “Existía unha falta de vontade política para darlle unha solución así que con presión social as administracións comezaron a moverse”.
A Xunta de Galicia respondeu a este respecto que "a dragaxe da Ría do Burgo é unha actuación de rexeneración do litoral e polo tanto, de competencia e responsabilidade do Goberno de España. Por ese motivo, o Goberno redactou o proxecto, tramitou a Declaración de Impacto Ambiental e licitou as obras".
Por outra parte, o colectivo de mariscadores da ría puxeron sobre a mesa a necesidade de seren compensados ante a parada de actividade en caso de materializarse o dragado. As obras de limpeza levarían a unha paralización do xa reducido número de profesionais do marisqueo nesta área. Ante os primeiros contactos cos gobernos autonómico e central, os mariscadores temían quedar sen compensacións por falta de actividade. A medidados de xuño de 2021 o delegado do Goberno, José Miñones, comprometíase na busca dunha solución para o sector marisqueiro na ría do Burgo.
A LUZ AO FINAL DO TÚNEL?
Tamén as protestas dos mariscadores foron motivo da chamada de atención da Unión Europea ante o estado das augas e da área afectada. Isto tornouse máis visible cando en 2010 a eurodeputada do BNG Ana Miranda presentaba diante da cámara europea unha serie de demandas en relación ao estado da ría do Burgo. Case dez anos despois, e sen actuacións efectivas por parte do Goberno central, a UE volve insistir e o gabinete de Pedro Sánchez inicia a licitación das obras.
O sete de xaneiro de 2021 o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) anunciaba o inicio dos trámites para a licitación da limpeza no Burgo. O proxecto consistiría en dragar máis de medio millón de metros cúbicos de residuos, lama e sedimentos depositados no fondo da ría. “As propostas son crear dúas balsas para depositar residuos, unha no Concello de Culleredo e outra no de Oleiros, as dúas serían seladas posteriormente” sinala Amancio Sotillos. Do documento tamén se desprende a intención de levar a mar aberto parte do sedimento dragado. Esta última parte “preocupa” ás demais confrarías da zona debido á posible chegada deses residuos ás súas costas.
O goberno da Xunta declara que traballou nos últimos anos "apoiando aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración". Sinala a Administración autonómica que "mobilizou un investimento de 100M€ en infraestruturas hidráulicas que contribuíron ao saneamento da Ría do Burgo e á mellora da calidade das augas, que mudaron a súa clasificación". As últimas obras que fixo a Xunta foron os bombeos do Temple e A Pasaxe e o tanque de tormentas de Santa Cruz, postos en servizo en 2018.
A operación pretende eliminar zonas onde a sedimentación dos residuos poden ter unha capa de varios metros. Isto podería afectar ao sedimento natural da área, superficie onde se reproducen as diferentes especies marisqueiras. Neste punto, o informe do MITECO apunta a necesidade de recoller especies marisqueiras autóctonas previamente á limpeza do fondo da ría, ademais de resementar a área afectada con moluscos autóctonos.
A actuación pretende mellorar a calidade das augas da ría, mais tamén a calidade de vida dos veciños da contorna, coa eliminación de malos cheiros e a insalubridade das augas. Doutra banda, non se descarta que a Unión Europea apoie financieiramente o proxecto que xa conta con varias alternativas presentadas por empresas interesadas. O período de execución estímase entre nove meses e un ano, en principio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.