Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 20:30
Non foi o primeiro disco en galego da historia, pero case. Corría o ano de 1921. Ese 15 de xaneiro, o Coro Cántigas da Terra --que por aquel entón contaba con só catro anos de traxectoria-- entrou a un local da Rúa Panadeiras, na Coruña, e rexistrou cun moi primitivo gramófono unhas cancións populares que hoxe soan ao que son: un canto do pasado.
Os que queiras comprobar como este coro afincado na Coruña venceu as dificultades técnicas dos primeiros anos de gravación para deixar patentes 12 cancións en galego poden achegarse este mércores ao Teatro Colón da Coruña, onde terá lugar unha reprodución do vello disco de lousa acompañado pola interpretación deses mesmos temas ao cargo da formación actual dun dos primeiros coros asentados de Galicia: o Cántigas na Terra.
Dende a formación explican que as gravación dese 15 de xaneiro de 1921 foron desenvoltas polos enxeñeiros Joaquín Rabassa e Lorenzo Buyé, desprazados expresamente a Coruña para a angueira. Ese sería o primeiro de seis discos gravados polo coro coruñés, que chegou a recoller nos primitivos gramófonos da época un total de 50 pezas musicais.
OS DISCOS PERDIDOS
A gravación en disco de lousa --tamén chamado “de pedra”-- foi un avance de tal calibre que, pouco despois de que remataran as sesións, houbo un encontro na cidade herculina non para escoitar de viva voz os integrantes do coro, senón para deixarse levar por ese invento nunha audición pública que, curiosamente, tivo lugar na hoxe coñecida comO Casa Cornide, en litixio pola propiedade coa familia Franco.
Lamentablemente, apuntan dende a formación, deses discos de lousa non queda un que se coñeza. Igualmente, os que non puideran achegarse ao Teatro Colón poden tentar procurar as gravación orixinais no Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, onde se atopan esas primeiras gravacións de muiñeiras e alalás que abriron o camiño da música galega para as xeracións que estaban por vir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.