A vacinación dos menores de 20 anos comezará en Galicia a mediados de setembro

Sanidade amplía o sistema de autocita a estudantes de bacharelato e profesores que vaian realizar unha estancia fóra de Galicia,

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2021 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade prevé iniciar a vacinación dos menores de 20 anos "a mediados do mes de setembro", coincidindo co inicio do curso escolar se as previsións de chegada de vacinas "se manteñen".

Os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Educación, Román Rodríguez, na Cidade da Cultura
Os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Educación, Román Rodríguez, na Cidade da Cultura | Fonte: Europa Press.

Así o avanzou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, antes de participar --xunto ao titular de Educación, Román Rodríguez-- na presentación ao Consello Escolar de Galicia do protocolo escolar para o próximo curso.

O conselleiro explicou que esta previsión coincide co "momento de inicio curso" no que "unha parte do alumnado podería estar xa vacinada". "Confiamos en que as vacinas cheguen máis se cabe, se non vacinamos máis é porque non chegan as vacinas", incidiu.

A este respecto, asegurou que se se dispuxese das doses necesarias, o Sergas "xa estaría a vacinar os mozos de 15 anos, aos de 20, aos de 18...". "A todos, sen descoidar o criterio de vacinación por idade, que é o que se está utilizando agora", sinalou.

PUNTOS DE VACINACIÓN

Preguntado sobre se se vacinará os escolares nos centros educativos ou nos espazos habilitados para as vacinacións masivas como a Cidade da Cultura ou Expocoruña, Comesaña dixo que é un asunto que aínda non se decidiu.

"Manter o sistema de vacinación nos puntos masivos ten vantaxes que están demostradas. Galicia ten uns dos mellores datos de vacinación a nivel nacional e en parte é polo uso de dispositivos como este que está na Cidade da Cultura", afirmou.

O conselleiro asegurou que lles "gustaría" utilizar este sistema, pero que tamén son "sensibles" ao que significa trasladar "os puntos de vacinación neses meses, en pleno inicio do curso, a todos os alumnos".

"Por tanto, estamos a barallar as dúas opcións, cremos que os puntos de vacinación son un bo referente, que permiten seguir vacinando por idade fronte a vacinar nos propios centros educativos, nos que habería que vacinar non por idade, senón por centro", apuntou para incidir en que, con todo, polo momento "as dúas posibilidades están abertas" tendo en conta que "aínda é pronto".

AUTOCITA

Na súa intervención, o conselleiro tamén se referiu ao sistema de 'autocita' da vacina posto en marcha. Respecto diso, dixo que practicamente todos os estudantes Erasmus "están rexistrados" nesta ferramenta que este mesmo venres se abriu "aos alumnos de bacharelato que no próximo curso vaian facer unha estancia fóra", para que "xa poidan rexistrarse no sistema".

Segundo indicou Comesaña, os alumnos interesados deberán cubrir un formulario que estará dispoñible na páxina web da Consellería. "É unha declaración responsable" na que se especifican as circunstancias do alumno. "Unha vez validada a información, será citado nas áreas sanitarias", explicou.

O titular de Sanidade dixo tamén que incluirá aos Erasmus que non son das tres universidades galegas xa que a Xunta non tiña modo de saber "cales eran eses Erasmus", así como, no ámbito galego, aos estudantes universitarios, de bacharelato e profesores que "vaian ir fóra".

"Seguimos avanzando nas ferramentas que nos van a permitir traballar para ese curso máis seguro", sinalou.

CHAMAMENTO Á RESPONSABILIDADE

Ademais, Comesaña aproveitou para volver facer un chamamento aos mozos que aínda están sen vacinar a que, mentres "non haxa vacinas", manteñan a "prudencia que mostraron durante todo o curso".

O conselleiro, que sostivo que os bos resultados alcanzados durante o curso académico "non serían posibles" sen a colaboración activa dos alumnos, pediulles "a prudencia" que se reclamou a todos os galegos ao longo destes meses e que eles mesmos, "ata agora", "demostraron".

"Queremos pedirlles un pequeno esforzo máis, seguir cumprindo coas medidas que se establezan por parte das autoridades sanitarias e educativas e aguantar", dixo. "Non podemos afogar antes de chegar á beira", "temos que tentar aguantar un pouco máis ata que esas vacinas, que eles se merecen, teñámolas aquí", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta