Bugallo avisa de "mala" tendencia, aínda que Santiago teña datos "un pouco menos" preocupantes que a media

Valora que na capital de Galicia non hai "grandes problemas" polo botellón e chama á prudencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avisa dunha "mala" tendencia na evolución do coronavirus, aínda que a capital de Galicia conta con datos "un pouco menos" preocupantes que a media galega e española. En rolda de prensa, o rexedor fixo un chamamento á "prudencia" e a "facer o posible" por "chegar ben" ás festas do Apóstolo, que comezan o 20 de xullo, e para poder "gozar deste verán".

Explica que os casos en Compostela está "lixeiramente por baixo" do centenar por 100.000 habitantes, mellores cifras que Galicia --ao bordo dos 200-- e que España --que está por encima dos 300--.

Así, fai fincapé en que os datos de Santiago "obxectivamente non son malos", pero "a tendencia non é boa", "é mala". Insiste en actuar de forma "responsable" ante estes datos "preocupantes".

SEN "GRANDES PROBLEMAS" POR BOTELLÓN

Así mesmo, Xosé Sánchez Bugallo remarca que en Compostela "non está a haber, ata o momento, grandes problemas" polo botellón. Apunta que o pasado fin de semana tan só se detectaron pequenos grupos, "nada que ver cos botellóns con centos de persoas que ven na televisión", pois o máis numeroso foi de "sete persoas". Por iso, "non hai elemento de alarma", á vez que "se está actuando".

Ademais, o último fin de semana tan só houbo denuncias por "dúas ou tres" festas en pisos, unha cifra "relativamente modesta" en comparación con outras datas.

XUNTA DE GOBERNO

Noutra orde de cousas, o alcalde informou de acordos da xunta de goberno deste luns, na que se deu luz verde á construción de dúas naves no polígono da Sionlla. Unha delas estará destinada a aluguer e a outra será dunha distribuidora.

Outro dos acordos da xunta de goberno pasa por sacar a licitación a mellora de accesibilidade de varios pasos de peóns para persoas con discapacidade, unha actuación en colaboración con Cogami. Ademais, destínanse 30.000 euros para a compra de monitores para centros socioculturais no rural.

Paralelamente, á sesión extraordinaria da xunta de goberno local, que se celebra desde as 14,00 horas, levan convenios con asociacións de comerciantes, cunha achega de case 100.000 euros, para abonos de aparcadoiro que fomenten as compras.

Varias persoas durante o primeiro día de apertura de bares e cafetarías ata a 1 da madrugada, a 11 de xuño de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Desde esta noite, os bares, cafetarías e restaurantes galegos poderán abrir. César Arxina - Europa Press
Varias persoas durante o primeiro día de apertura de bares e cafetarías ata a 1 da madrugada, a 11 de xuño de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Desde esta noite, os bares, cafetarías e restaurantes galegos poderán abrir. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta