Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/07/2021 | Actualizada ás 14:26
O rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a través dun comunicado emitido polo Concello, avanzou que non recorrerá o auto ditado polo Xulgado de Instrución número 3 que deixa sen efecto o sobresemento da causa en relación coa xestión de fondos de Democracia Ourensana (DO).
Na pasada xornada o xulgado rectificaba a decisión tomada en xaneiro e volvía abrir a investigación sobre a xestión dos fondos da formación da que é líder Pérez Jacome co argumento de que "hai indicios razoables de malversación".
O alcalde trasladaba, a través das súas redes sociais, que "non lle deu importancia" á denuncia, "non lla deu o arquivo" e "tampouco lla daba agora" porque "non hai base" e porque "todo se basea en testemuños vagos de quen foron expulsados da contorna de DO e só gardan rancor e frustración".
Así, Jácome aseguraba que prestaría a súa "total colaboración" para que "non quede sombra de dúbida". Unhas palabras que ratificou este mércores reafirmando a súa "absoluta tranquilidade" ante a reapertura da investigación e reiterando que prestará total colaboración coa xustiza para que se desenvolva a investigación.
Deste xeito, a pesar de que contra o auto xudicial cabe interpor un recurso de apelación, o rexedor municipal manifestou que non recorrerá, xa que non ten "ningún reparo" en que se continúe investigando "en calquera vertente".
"Canta máis luz, máis claro quedará que non había irregularidades na xestión e que todo foi unha denuncia sen base de persoas expulsadas de Democracia Ourensana", sentenciou.
Ademais, afirmou que seguirá sen presentarse na causa porque confía na xustiza e en "que indague o que considere".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.