Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 14:37
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu de que o risco de pobreza en Galicia está en niveis "que non se daban desde a gran recesión de 2008". Fronte a isto, reclamou políticas "expansivas" como as aprobadas polo Goberno central para dar unha "saída inclusiva" á crise, "que priorice a igualdade, a cohesión social e a creación de emprego".
Así se pronunciou antes dunha reunión con empresarios de Lugo e o presidente da Deputación, José Tomén, onde abordou demandas para a provincia. Caballero reivindicou as "políticas expansivas do Goberno fronte á maior crise", a xerada pola pandemia de coronavirus. "Cando non hai diñeiro na economía, na sociedade, nos petos dos ciduadanos, o Goberno serviu como gran garantía para facer fronte á maior crise", resaltou.
Ademais, valorou a "capacidade de concertar" as súas políticas cos axentes sociais. Consciente de que "moitas empresas están con circunstancias complexas, coa auga ao pescozo", o líder dos socialistas galegos chamou a atención sobre o impulso do gasto público como "mellor garantía para poder facer fronte aos trimestres que veñen por diante".
"PREOCUPACIÓN" DATOS
En Ourense, Caballero mostrou a súa "preocupación" ante os datos do Instituto Nacional de Estatística en relación ás condicións de vida da poboación en España, que mostra un incremento no nivel de desigualdade e no risco de pobreza en Galicia.
"Son cifras que non existían no noso país desde a Gran Recesión do ano 2008", dixo Caballero subliñando que "iso ten que acender todas as alarmas" e que se trata dun risco "superior" en Galicia ao que ten, en conxunto, a cidadanía de España.
Pediu que a Xunta de Galicia "non siga cos brazos baixados" e faga "unha gran política social", unha política "de rescate da cidadanía que apoie os servizos públicos e tamén dea axudas directas".
Caballero afirmou que os datos son unha "chamada de atención a todos os representantes políticos" polo que solicitou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que poña "toda a capacidade financeira, toda a capacidade de fondos" a disposición dos galegos cun "plan de loita contra a pobreza para conseguir saír dunha forma inclusiva desta pandemia".
Neste sentido, lamentou que a Xunta de Galicia "gardase" 115 millóns de euros "ao longo do seis primeiros meses deste ano mentres que o risco de pobreza incrementábase", acusando a Feijóo de "estar cos brazos caídos".
"Non está a pór os fondos en mans da cidadanía, está a carecer da empatía e da capacidade de xestión para dar axuda aos galegos e galegas que teñen máis dificultades", criticou.
PLAN DE LOITA CONTRA A POBREZA
Deste xeito, lembrou que os socialistas presentaron ante o Parlamento de Galicia, na comisión de reactivación, un plan de loita contra a pobreza, especialmente contra a pobreza infantil, que foi rexeitado.
"O Goberno de España tomou medidas fundamentais para a inclusión como a subida do salario mínimo interprofesional e remitiu a Galicia máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios. A Xunta non está a cumprir", esgrimiu o secretario do PSdeG.
Así, solicitou que o Partido Popular faga política "para xerar emprego, para defender os servizos públicos e para promover unha vivenda accesible para todos" subliñando a importancia de que sexa tamén para a xente nova porque "cando falamos do risco de pobreza e do risco de exclusión os sectores máis afectados son tamén os mozos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.