Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 16:35
O Concello de Lalín homenaxeou este mércores ao pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, no 25 aniversario da súa morte, con actos no museo Ramón Mª Aller e no cemiterio da Romea, nos que participaron o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, lembrou que o Goberno galego "traballa nunha ampla programación que sirva para pór en valor a figura de Laxeiro con motivo do Día das Artes Galegas 2022" --que se dedicará ao pintor lalinense--.
"Trátase de todo un acerto que fará que Laxeiro se sume a autores que xa protagonizaron esta efeméride como o Mestre Mateo, Castelao, Maruja Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane ou Domingo de Andrade", sinalou Lorenzo.
Santalices, pola súa banda, indicou que a homenaxe "reforza o protagonismo de Lalín como referencia imprescindible para a arte galega contemporánea: por ser berce de grandes artistas, pero tamén por honrar e perpetuar a súa memoria, e por divulgar a súa obra".
COMPROMETIDO CO EXILIO
"Laxeiro era unha persoa e un artista paradigmático, honesto consigo mesmo, adiantado ao seu tempo, cosmopolita e de mentalidade aberta, como corresponde aos grandes creadores", sinalou o presidente da Cámara galega, que apuntou ademais que ese "cosmpolitismo" non lle impediu "facer gala da súa condición de galego, co galeguismo como ideario persoal". Neste sentido, Santalices lembrou que a colección de arte do Parlamento galego conta con varias obras de Laxeiro, entre as que destacou as vidreiras que o artista elaborou especificamente para a Cámara.
Para Santalices, "a obra de Laxeiro transcende abertamente as fronteiras ibéricas". O presidente fixo fincapé na etapa arxentina do pintor, "dúas décadas de traballo fecundo, experimentación e contacto coas vangardas artísticas e contacto fluído coa intelectualidade, con especial coidado á relación co exilio galego".
HOMENAXES 24 E 25 DE XULLO
A homenaxe celebrada este mércores inclúe a inauguración dunha mostra sobre a figura do pintor no museo Ramón Mª Aller composta por unha selección de obras que Laxeiro doou ao Goberno local, así como polos 'Cabezudos de Laxeiro', figuras inspiradas nunha obra do pintor do mesmo nome e realizadas para o Concello de Lalín pola artista local Luchi Iglesias. Os actos completáronse cunha ofrenda floral ao pé do panteón do pintor no cemiterio da Romea.
A programación da homenaxe continuará o sábado 24 de xullo con dous pasacalles teatralizados --de 13,00 a 14,00 horas e de 19,00 a 20,00 h.-- a cargo dos 'Cabezudos de Laxeiro', que desfilarán por distintos espazos do centro urbano lalinense acompañados da Carballeira de Cercio. Ademais, o domingo, Día de Galicia, terá lugar uns pasacalles de Os Xuncos, de 13,00 a 14,00 h e de 19,00 a 20,00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.