Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 18:28
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, avanzou que a primeira unidade das fragatas F-110 comezará a constuirse en Navantia na ría de Ferrol a "principios" de 2022. Así o afirmou este xoves durante o acto de firma do acordo entre Navantia, Iberdrola e Windar, valorado en 400 millóns, para que Fene fabrique cimentacións de parques de mariña eólica.
Neste sentido, Montero valora o "traballo de adaptación que Navantia vén facendo nos últimos anos" a través da "diversificación das súas liñas de negocio", como é este convenio para Fene, que se complementará co que se executará das F-110 no outro estaleiro público da ría, o de Ferrol. De tal forma, as fragatas xerarán "uns 7.000 empregos entre directos e a industria auxiliar" na comarca de Ferrolterra.
A ministra de Facenda resalta que a "intención" do Goberno é que a primeira unidade comece a fabricarse "a principios do ano que vén". Por iso, enviou aos sindicatos unha "mensaxe de tranquilidade no sentido de que a carga de traballo está garantida", a pesar de que nestes momentos as bancadas en nova construción están baleiras na factoría ferrolá.
Explica que en "estes meses" están a realizarse " os traballos de adecuación do estaleiro" para a execución dese programa militar. Ademais, garante "Navantia vai seguir asistindo a todos os concursos internacionais que se celebren porque este sector é importantísimo para o conxunto da economía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.