Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/07/2021 | Actualizada ás 15:15
O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña comisou un total de 134,25 quilogramos de percebe, así como dous equipos completos de buceo con aire comprimido e unha embarcación de recreo, nunha operación contra o furtivismo levada a cabo no porto de Santa Mariña-Arou-Camariñas.
Tal e como informou a Garda Civil nun comunicado, "trátase da maior aprehensión de percebe realizada nunha única actuación en Galicia". Os feitos tiveron lugar cando efectivos da mencionada unidade, no marco dun operativo contra a actividade furtiva, detectaron a chegada a porto da citada embarcación con catro persoas a bordo.
Dúas delas, segundo sinalaron os axentes, vestidas con traxe de neopreno, que se baixaron da embarcación e se dirixiron aos almacéns, para regresar posteriormente xa cambiados e continuar cos labores de descarga de equipos de mergullo e dos sacos coas capturas.
O material foi transportado ata un vehículo que tiñan na zona, tras o que un dos detidos abandona o lugar ao volante do vehículo no que efectuaran a descarga, e o outro fai o mesmo noutro coche que actuaba de lanzadeira. Nese momento, a Garda Civil deu o alto aos dous vehículos, para comprobar que no interior dun deles había catro sacos de percebes.
Tal e como indicaron, os outros dous individuos que quedaran na embarcación, tras fondear, déronse á fuga sen poder ser identificados. Tras estes feitos, axentes do corpo levaron a cabo unha inspección grazas á cal atoparon, detrás duns sacos de rede no espigón do porto, os traxes de mergullo cos que cometera as infraccións.
Así, A Garda Civil interpuxo as pertinentes denuncias por suposta infracción á Lei de Pesca de Galicia, mentres que a embarcación quedou en poder do seu titular, a disposición da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O comiso da captura do percebe entregouse ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.