Os traballadores "en fraude de lei" da Xunta anuncian folga: "vai haber servizos moi afectados"

Escolas infantís, centros de día e fogares residenciais poderían quedar colapsados durante varias semanas á volta do verán para demandar "diálogo" da Xunta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

As traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar volven cambiar de estratexia para conseguir diálogo coa Xunta de Galicia. Se meses atrás a CNT --arredor da cal se artellan as concentracións-- anunciaba un “recrudecemento” da súa actividade que deixou escraches e cazoladas, desta vez a táctica pasará por regresar á folga pero subindo de nivel as mobilizacións.

Escola infantil da Galiña Azul en Baiona
Escola infantil da Galiña Azul en Baiona | Fonte: valminor.tv

Ata hai uns meses, as traballadoras do Consorcio mobilizábanse contra a súa situación de “temporalidade estrutural” alternando unha xornada de folga e concentracións cada semana. Porén, para a volta do verán a CNT planea estender estes paróns a máis dunha semana continuada. Terá lugar, iso si, á volta do verán; nas primeiras xornadas dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro. 

A folga arrincará o 6 de setembro, coincidindo co comezo do curso escolar, circunstancia que podería implicar dificultades na xestión das escolas Galiña azul, xestionadas polo Consorcio, dependente da Consellería de Política Social. Estas protestas estenderanse ata o día 17 e durarán a totalidade da xornada, 24 horas.

No caso de outubro decorrerán entre os días 2 e 11, en novembro serán do 2 ao 12 e, por último, decembro quedará baleiro entre as xornadas do día 7 ao 17. Todo para demandar da Xunta de Galicia unha comunicación ante a cal a administración autonómica só dá “negativas”, de acordo co Consorcio; que leva meses inmerso nunha loita pola “estabilidade” do persoal en fraude de lei; é dicir, que acumula contratos temporais durante longas etapas; chegando a casos concretos de décadas. 

“A folga convocada pola CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020”.

CENTROS "MOI AFECTADOS"

Dende a CNT apuntan que a folga vén de ser convocada para todo o persoal pertencente á rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Isto inclúe as traballadoras e traballadores das escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais estarán cubertos legalmente pola convocatoria realizada polo sindicato.

A formación advirte ás familias usuarias dos servizos da rede do Consorcio IeB que os servizos prestados veranse "moi afectados" por esta nova convocatoria de folga. En concreto, apuntan a problemas que agromarán  coas xornadas de folga do inicio do curso escolar onde non se garante unha correcta aplicación do periodo de adaptación nas escolas infantís da Galiña Azul. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta