Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2021 | Actualizada ás 21:21
O cambio climático castigará previsiblemente os bosques con "temibles" secas estivais nun futuro, polo que seleccionar árbores que teñan maior resistencia a episodios de ausencia de precipitacións é un "interese común dos propietarios forestais a escala europea". Con ese obxectivo, a Asociación Forestal de Galicia está colaborando nun estudo do proxecto europeo Formanrisk (Xestión forestal e riscos naturais) orientado a identificar as procedencias de piñeiro que mellor comportamento presentan ante as secas.
Así pois, durante este verán, tres investigadores do Instituto Nacional de Investigación para a
Agricultura, a Alimentación e o Medio Ambiente de Francia (INRAE) desprazáronse a Galicia e a outros puntos do suroeste europeo para recoller mostras de piñeiros do país (Pinus pinaster) e medir a súa resistencia á seca. Os técnicos galos, que estiveron acompañados por persoal da Asociación Forestal de Galicia durante a súa estancia no país, recolleron mostras nos montes veciñais de Santa María de Oín (Rois), San Vicente do Mar (O Grove) e Cabeiras (Arbo) para medir a súa resistencia á seca.
As medicións foron feitas ás 6 da mañá e ás 3 da tarde, no momento de máxima temperatura e da mínima. As mostras procesáronse nun laboratorio portátil, no que as agullas ou acículas de cada piñeiro elixido se someteron a unha forte depresión, simulando o que sería unha seca moi intensa, ata que rompe a columna de auga que circula polos vasos do tecido vexetal, entrando en colapso o fluxo da seiva. "Cando pasa isto chega a morte á árbore", explica a Asociación Forestal nun comunicado, "dado que as raíces xa non poden achegar máis auga ás follas cando estas a perden por evaporación". Con estas medicións rexístrase para cada árbore escollida a depresión máxima á que unha folla non pode aguantar.
Este estudo, que pretende identificar as procedencias de piñeiro con máis resistencias á seca,
enmárcase dentro do proxecto FORMANRISK (Xestión forestal e riscos naturais) dentro do programa INTERREG SUDOE da Unión Europea no que participa a Asociación Forestal de Galicia xunto co INRAE, o Instituto Mediterráneo da Cortiza, a Sociedade Aragonesa de Xestión Agroambiental (SARGA), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), a Deputación Provincial de Ávila e a empresa GISTREE, liderados pola Office National des Forêts (ONF).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.