Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2021 | Actualizada ás 11:50
O senador do Partido Popular pola Coruña Miguel Lorenzo pediu solucións "urxentes" ao Goberno despois de que o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) reclamase de forma "masiva" a devolución de 'axudas covid' ao mundo cultural.
Lorenzo presentou unha pregunta no Senado para esixir unha resposta ao Executivo estatal sobre o porqué desta petición de devolución. Nela, ve un "erro" de Administración o "pedir a devolución do diñeiro" das prestacións --que o popular cualifica de "insuficientes"-- e alerta de que "vai afogar aos traballadores do sector artístico e cultural".
O PP fai referencia a unha prestación deseñada polo SEPE en maio de 2020 que foi solicitada por uns 3.000 empregados do mundo artístico. Nun primeiro momento, o Servizo Público de Emprego asegurou que estas axudas eran compatibles con traballos a tempo parcial "dentro e fóra do sector", sinalou o senador, quen tamén é portavoz dos populares na Comisión de Cultura do Senado.
O PP criticou que agora, tras máis dun ano, o SEPE confirmou nun oficio que a prestación é incompatible "coa realización de actividades por conta propia ou alleas", "coa percepción de calquera outra prestación", "renda mínima de inclusión, salario social ou axudas análogas", o que anula unha gran parte das solicitudes presentadas ata a data.
"INFORMACIÓN INCORRECTA"
Miguel Lorenzo destacou que o propio SEPE recoñeceu que se publicou unha "información incorrecta" con respecto a estas axudas. A Administración escúdase en que a maior carga de traballo ocasionada pola pandemia, sumada á creación de case vinte tipos de prestacións "con características específicas e moi complexas", foron as que ocasionaron o erro na transmisión da información.
O senador popular cualificou como "lamentable" o "descoñecemento da realidade da profesión dos artistas" por parte do Goberno. Reclamou que "se resolva de maneira favorable a quen cumpriron as condicións acordadas" e finalizou coa petición de que "se articulen opcións para que os profesionais poidan ter acceso a prestacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.