Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 21:00
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de manifestar a súa "preocupación" a respecto do descenso do caudal do encoro do Vao cando está a piques de celebrarse a Regata da Copa Deputación de Piragüismo, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, polo que solicita que Iberdrola proceda a subir o nivel da auga para asegurar que a competición se leva a cabo “en condicións de total seguridade”.
Os socialistas aseguran que o nivel da auga do encoro “comezou a baixar a inicios desta semana”, o que provocou que aumentase a diferencia de altura entre o caudal e a plataforma, que ao ser fixa no canto de flotante, require que as canoas sexan apeadas, co conseguinte risco que a manobra leva consigo para os participantes no encontro.
Neste sentido, indican que a baixada do caudal xusto ás portas da celebración da regata –que terá lugar este domingo e na que participarán arredor de 200 piragüistas–, tamén deixa á vista edificacións que estaban anegadas, así como vexetación e árbores, polo que insisten en que a operadora atenda as demandas institucionais e eleve o caudal co obxectivo de que a competición sexa disputada co maior nivel de seguridade posible.
“Iberdrola pode subir o nivel da auga e neste caso consideramos que é unha cuestión de responsabilidade facelo, de maneira que este encontro poida celebrarse de maneira segura e coa tranquilidade de saber que os participantes contan coas condicións óptimas para que a regata sexa todo un éxito”, subliñan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.