Os indignados de Rochaforte

Antes do Nadal presentamos na casa dos veciños do barrio da Rocha un libro divulgativo editado polo Concello de Santiago dentro do proxecto de posta en valor do castelo, financiado polo Goberno de España. Eu son dos que pensa que os políticos, os técnicos e os investigadores temos que estar ao servizo da xente, do pobo, e non ao revés. De non ser así, adoitan pasar cousas como a Santa Irmandade de 1466.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 07/01/2014

Comparte esta noticia
Nese libro recollemos un relato, unha historia, unha narrativa. Estamos nuns tempos nos que hai gobernos que teñen problemas de relato, de contar ben as cousas á xente. Estamos nunha época no que por vez primeira o Poder até se preocupa do que poidan escribir, relatar ou debater os historiadores; velaí está a o congreso ese de Barcelona que ergueu a ira da caverna mediática madrileña, por poñermos un caso. Isto é así porque a arqueoloxía e a historia son práticas científicas e, porén, políticas. O noso relato sobre a Rocha alicérzase nunha vontade clara: a de conectar o pasado co presente. Quixemos amosar como a realidade que viviron os homes, as mulleres e os nenos dos séculos XIV e XV non estaba tan alonxada da nosa realidade. Por exemplo, tamén daquela se viviu un fondo troco climático, coñecido como a Pequena Idade do Xeo. O afriamento súpeto conlevou colleitas estragadas, fame e miseria, empioradas pola chegada da peste negra. Tamén daquela se viviu unha crise económica que se constata na devaluación constante do diñeiro por parte da Coroa castelá. Este proceso documéntase moi ben grazas ás moedas asoelladas nas escavacións arqueolóxicas do castelo da Rocha. Esa crise do primeiro capitalismo levou a unha suba brutal de impostos e ao espallamento dos malos usos señoriais, causa primeira e última das revoltas irmandiñas. Tamén daquela, como agora no concello compostelán, estaba á orde do día o abuso de poder e a corrupción política. Tamén daquela existían os indignados, que se reunían en asembleas na carballeira de Santa Susana ou na praza de Mazarelos.  Recordo perfeitamente un dos cartaces que esgrimían os indignados acampados na praza do Obradoiro: “Non okupamos nada que non sexa noso”. Iso mesmo deberon cavilar os labregos e burgueses que derrubaron o castelo da Rocha en 1467 facéndoo case desaparecer por completo da face da terra. 
 
Tamén daquela esta fisterra estaba integrada nun mundo globalizado. O comercio marítimo e os contactos a longa distancia, entre Mediterráneo e Atlántico, atópanse ben representados en obxetos e produtos que nos remiten a unha sociedade de clases. A vaixela de luxo, as mariscadas, a ricaz decoración arquitectónica fálanos dun arcebispo que vivía como Deus, que comía coma un crego. Tamén a violencia física e simbólica era un asunto de vital importancia daquela. De feito, o castelo da Rocha non se pode entender sen ter en conta a guerra e a violencia. Neste contexto, os arcebispos, eran como calquer señor feudal, mafioso e maleante. Poucas imaxes definen mellor o feudalismo galego como a do arcebispo Berenguel de Landoira rezando na capela de Santa Eufemia do castelo da Rocha, mentres os seus soldados pasaban a coitelo aos líderes composteláns que se achegaran á fortaleza para negociar co prelado, en plena tregua. 
 
Tamén daquela, o I+d+i era importante. En 1466 o castelo da Rocha era un alarde da tecnoloxía militar do momento. Construído orixinariamente como un castelo preparado par a defensa vertical (torres altas, adarves dende once se lanzaban frechas, pedras, aceite fervendo) deseguida foi adaptado aos novos tempos. A incorporación da artillería fixo que se dotase de novos recursos para neutralizar o lume inimigo. Entre eles esquinas redondeadas, un cinto perimetral de protección (falsa braga) ou novas barreiras exteriores con foxos anchos, contrafoxos e lizas para alonxar o inimgo e minimiza o alcance das bombardas. Asemade incorporouse a artillería como elemento defensivo. De aí a grande cantidade de bolaños documentados nas escavacións arqueolóxicas.
 
Quizabes esta sexa a grande lección da Rocha Forte. Malia este monumental desplegue tecnolóxico, orgullo dun mundo medieval en transición á Modernidade, o castelo caiu perante o arroxo, a furia e a desesperación do pobo en armas. Durante dous séculos, a fortaleza foi o símbolo de todo un sistema sociopolítico. Pero tamén foi un xigante con pés de barro, porque o sistema de explotación feudal estaba baseado na coacción, a represión e a inxustiza. E contra a inxustiza nada fixeron barbacanas, lizas, ballestas e bombardas.
 
No mercat del  Born de Barcelona, símbolo da opresión borbónica, unha exposición sobre a cidade na Guerra de Sucesión leva o seguinte título: “Das pedras ás persoas”. Esta é a filosofía do libro sobre a Rocha e da páxina web que como agasallo de Reis se pon a disposición de toda a cidadanía www.rochaforte.info Aquí podedes debullar, esculcar e apreixar historias humanas a partir de espazos, obxectos e acontecementos vencellados coas ruínas da Rocha Forte. Por vez primeira no noso país, unha páxina institucional pon a disposición da cidadanía de xeito libre e doado toda a información existente sobre a fortaleza: miles de páxinas de memorias de escavación arqueolóxica dende 2002, estudos de materiais arqueolóxicos, fotografías, referencias históricas, baldeirados documentais, o propio libro do que vos falaba, todo con licenza Creative Commons. Un bo agasallo para todos aqueles que pensamos que o futuro tamén está nas ruínas.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA