O TSXG tomba o decreto da Xunta que pedía presentar o certificado covid para acceder a locais hostaleiros

Numerosas entidades hostaleiras presentaran recurso contra esta decisión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que a obrigación de presentar un certificado covid-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno en concellos con máis elevada incidencia do virus carece de vixencia ao non ser autorizada xudicialmente.

Apertura do lecer nocturno en Vigo / MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS. / Europa Press
Apertura do lecer nocturno en Vigo / MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS. / Europa Press

Os maxistrados explican en dous autos notificados este xoves que a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde de 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde de 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado covid en establecementos de hostalaría e restauración.

En ambos os autos xudiciais, que foron notificados ás partes na mañá deste xoves, segundo confirmou o TSXG, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo resolve senllos recursos presentados pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela.

Ambos denegan as medidas cautelarísimas que solicitaran para que se anulase esa obriga imposta polo Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo o pasado mes de xullo --no caso da hostalaría, nos concellos de maior incidencia pedíase certificado covid, de pasar a enfermidade ou PCR negativa (a esixencia é xeral para o lecer nocturno, pechado en interiores nos niveis máis altos)--.

O argumento xudicial que se dá para denegar a petición é que a medida que instan suspender xa carece de vixencia en Galicia ao non ser autorizada polo TSXG.

FEIJÓO DEFENDEU QUE NON TIÑA DÚBIDAS XURÍDICAS

Esta é a primeira vez que o alto tribunal tomba unha medida anticovid establecida polo Executivo galego. De feito, Feijóo aseguraba moi recentemente, tras defendelo no cume de presidentes de Salamanca, analizar o uso desta vía para o conxunto do Estado, que non tiña dúbidas xurídicas sobre esta obriga do certificado para acceder á hostalaría en Galicia.

"Nós consultamos coa Asesoría Xurídica e entendemos que a lei xeral de sanidade e, ademais, a lei de pandemias galega, posibilitan que adoptemos esa decisión sen un amparo xudicial previo", sentenciou, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que insistiu en que esta era a vía máis efectiva para que os locais nas zonas en peor situación puidesen seguir abertos.

De feito, dirixentes da Xunta sostiveron de forma reiterada que era a "única" vía para que os locais seguisen abertos nun contexto de incidencia elevada da covid-19, no marco da quinta onda da epidemia. 

"ANÓMALO PROCEDER DA XUNTA"

Previamente, a semana pasada o TSXG ditou outro auto no que denegaba tamén unha medida cautelarísima de anulación do certificado solicitada neste caso por Lugo Monumental. Non entraba no fondo do asunto, pero si subliñaba o "evidente fundamento" sanitario das restricións acordadas polo Goberno galego.

Con todo, nos autos deste xoves, os maxistrados aluden a que o "anómalo proceder por parte da Xunta induciu a confusión" e explican que na resolución emitida a semana pasada "non se fixo mención algunha ás razóns que se expoñen nos presentes autos ao dar por sentado que as medidas cuxa suspensión se instaba foran sometidas a previa autorización polo TSXG".

Nese auto, de data 6 de agosto, remarcan que non se avalou o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo "de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións", que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

É dicir, engaden que a postura que se expresou é que, unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia.

Nos fundamentos xurídicos deste venres, ademais, os maxistrados do TSXG aluden á sentenza de maio do Tribunal Supremo, que estableceu que as medidas limitativas de dereitos fundamentais non fornecen efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Algúns verán nisto un éxito... outros dirán que os Tribunais son autónomos e defenden dereitos cidadáns ! Non vemos máis cunha liorta xurisdiccional entre Xunta e TSXG ! Se vemos o camiño que levan en Francia e Alemaña sobre o tema Pasaporte Covid supoño que cando Pedro Sánchez remate as súas vacacións... e a variante Delta teña contaxiado a medio país e coas Residencias convertidas novamente en Tanatorios... Igual o Pasaporte se volve OBRIGATORIO Por Decreto e baixo Estado de Alarma (?) http://www.galiciaconfidencial.com/... As cousas semella que teñan sentido dependendo de quen as diga (?)