O TSXG rexeita a petición da Xunta da obriga de pedir o certificado COVID na hostalaría

O tribunal notificou na mañá deste sábado a parte dispositiva dun auto cuxo contido íntegro se dará a coñecer nos próximos días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2021 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a petición da Xunta e rexeitou conceder autorización xudicial para esixir o certificado covid para acceder ao interior dos locais de hostalaría nos municipios que presentan niveis alto e máximo de incidencia. O tribunal notificou a súa decisión na mañá deste sábado e remitiu a parte dispositiva dun auto cuxo contido íntegro aínda non transcendeu, senón que se dará a coñecer nos próximos días.

O Goberno galego ratificou o venres a presentación dunha solicitude de aval ao TSXG para poder manter a esixencia do certificado covid no acceso aos locais de hostalaría nos municipios con niveis alto e máximo de incidencia do virus, así como no lecer nocturno nos niveis medio e baixo --nos de maior incidencia os interiores están pechados--.

A Xunta viuse obrigada a dar este paso despois de que o tribunal emitise varios autos nos que decretaba que a medida carecía de vixencia, posto que non se pediu aval xudicial antes de fixar esta esixencia para tratar de controlar os efectos da covid-19 na quinta onda da pandemia.

En ambos os autos xudiciais, que foron notificados ás partes na mañá do xoves, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo resolvía senllos recursos presentados pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela.

PECHES E NOVOS AFORAMENTOS

A decisión do TSXG de tombar a solicitude de aval trasladada pola Xunta suporá un cambio na ruta prevista e no mapa de restricións, do mesmo xeito que terá repercusións no sector hostaleiro en determinados municipios, posto que implicará a activación do 'plan b' publicado no Diario Oficial de Galicia a última hora do venres.

Estas medidas alternativas, que se aplicarían a partir do martes, implican o peche da hostalaría en municipios de nivel máximo (só O Grove está nesta situación), do modo que os establecementos de xogos e de azar (salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, entre outros). Nos municipios de nivel alto (no que permanecen todas as cidades menos Santiago e Ourense), a hostalaría pasaría dun aforamento do 50% con certificado a 30% sen certificado.

No caso do lecer nocturno, o aforamento dentro dos locais nos niveis medio e medio baixo (nos dous de máis incidencia do virus os interiores dos pubs están pechados) modificaríanse do 50% con certificado ao 30% sen certificado, e á metade en terrazas no caso de nivel medio.

O obxectivo da Xunta é ofrecer un tempo razoable para a súa correcta difusión e coñecemento por parte da sociedade e especialmente os hostaleiros, polo que decidiu fixar a entrada en vigor das novas normas ás 00,00 horas do martes, no caso de que o TSXG non ratificase as medidas.

RECOMENDACIÓNS

Ata agora, o Executivo autonómico esixía unha proba diagnóstica negativa recente ou o certificado de vacinación ou de pasar a enfermidade para poder acceder ao interior dos locais de hostalaría nos niveis máis altos de incidencia; e para os niveis medio e baixo no caso do lecer nocturno.

No entanto, ante a suspensión da esixencia de presentar o certificado covid, estas directrices pasarán a ser unha serie de recomendacións ao sector para vixiar a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos e en negocios de xogos e apostas situados en municipios con nivel alto de restricións.

Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, as autoridades sanitarias recomendan que só acceda ao interior destes locais aquelas persoas que conten coa pauta completa de vacinación contra a Covid-19, ou que o usuario dispoña dunha proba diagnóstica de infección activa con resultado negativo.

Estas recomendacións entrarían en vigor, do mesmo xeito que a regulación transitoria de aforamentos, a partir do próximo martes, co fin de "darse un tempo suficiente que permita o seu coñecemento e a adaptación a esta regulación dos sectores afectados".

Todo iso, insiste a Xunta no DOG, con "carácter transitorio e provisional" e en función da decisión definitiva do TSXG sobre o aval solicitado polo Goberno galego, que finalmente foi rexeitado. "No caso de non autorizarse a medida de esixencia de certificados, esta regulación será revisada na próxima reunión do Comité Clínico", engade a Xunta.

Terrazas de bares da Coruña
Terrazas de bares da Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta