Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/09/2021 | Actualizada ás 11:10
A organización do V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio denunciou este luns diversos actos vandálicos sobre a exposición fotográfica "A vida negada" que esta rede instalou nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.
Na última semana roubaron varias lonas con imaxes a gran formato, danado ou desprendido outras e mesmo dobrado os resistentes valos metálicos que lle dan soporte, detalla nun comunicado.
Tras resaltar o compromiso cívico e o interese da cidadanía coruñesa polos temas que propón o movemento Acampa, lamenta non obstante que "a intolerancia ou a irresponsabilidade duns poucos, aproveitando a noite, furta aos coruñeses do seu dereito a estar informados e a asomar ao traballo de fotoxornalistas internacionais".
"É bastante desolador", confesan desde o movemento Acampa.
Por iso, confía en que estes ataques deixen de suceder para evitar ter que retirar antes de tempo as exposicións dos fotoperiodistas Judith Prat, Javier Corso, Xosé Abad, Akinlunde Akinlenye, Luís de Vega, Victor Moriyama e Ernesto Piovano, pois tiñan previsto manterse até o día 10 de outubro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.