Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2021 | Actualizada ás 16:45
Abanca informou este martes de que lanza ao mercado os seus primeiros produtos de financiamento para actuacións vinculadas aos fondos de recuperación Next Generation EU e ao Plan Moves III, iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para incentivar a mobilidade sustentable.
"Con esta oferta financeira comezamos a canalizar os fondos europeos para promover a recuperación e impulsar os sectores e actividades chamados a liderar o desenvolvemento económico e social nos próximos anos", destacou Mónica Gondar, directora de Next Generation Abanca.
A oferta de produtos de Abanca para estas actuacións vai dirixida tanto a clientes particulares como a autónomos, pemes, empresas e comunidades de propietarios. As súas características principais son, segundo a entidade, "a súa axilidade de tramitación e a competitividade das súas condicións económicas".
ANTICIPO DE AXUDAS
En canto aos seus usos, permiten varias finalidades. En primeiro lugar, o financiamento da compra de vehículos ecolóxicos por parte de particulares, autónomos, pemes e empresas. Ademais, é posible financiar a instalación de puntos de recarga por parte de autónomos, pemes, empresas e comunidades de propietarios.
Doutra banda, as solucións de financiamento de Abanca permiten o anticipo das axudas públicas Next Generation para a adquisición de vehículos ecolóxicos novos, chegando ata o 100% da subvención á que o cliente teña dereito (que será dun máximo de case 10.000 euros).
No caso de que o cliente financiase a compra do vehículo con Abanca, á hora de anticipar a axuda beneficiarase de condicións especiais. E en todos os casos, a concesión dos préstamos realizarase de acordo cos criterios habituais de análises de riscos da entidade.
SUSTENTABILIDADE
Co lanzamento destes produtos, Abanca remarca que dá un novo paso para cumprir o obxectivo, establecido no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sustentable, de dispor a peche de 2024 dunha alternativa sustentable para a súa carteira de produtos e servizos financeiros.
Entre xuño e xullo deste ano, lanzou tres fondos de investimento sustentable, Abanca Renda Fixa Transición Climática 360, FI, Abanca Renda Variable ESG 360, FI e Abanca Renda Fixa ESG 360, FI. Ademais, o banco acaba de realizar a súa primeira emisión de bonos verdes, contemplada para este 2021 no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sustentable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.