Por Europa Press / Redacción | Campo Lameiro | 21/09/2021 | Actualizada ás 20:39
Campo Lameiro informou este martes de que terá servizos bancarios de Abanca tres días á semana (martes, mércores e xoves, e os 4 e 20 de cada mes coincidindo cos días de feira) cunha unidade bancaria móbil, ademais de "un caixeiro automático de última xeración" con todas as súas funcións activadas e un sistema operativo de fácil manexo para persoas maiores e os menos familiarizados coa tecnoloxía.
Así llo confirmaron este martes, segundo informa o Consistorio, directivos territoriais da entidade ao rexedor de Campo Lameiro, Carlos Costa.
A recuperación destes servizos farase, segundo o Concello, de maneira gradual e así o venres 24 de setembro entrará en funcionamento o novo caixeiro automático, mentres que o 5 de outubro comezará a operar a Unidade Móbil Bancaria e a atención ás feiras terá lugar a partir do mes de novembro.
Abanca, segundo o Consistorio, garante que este novo servizo presencial en Campo Lameiro terá un carácter indefinido no tempo e prestarase 3 días á semana e os días 4 e 20 de cada mes.
O horario de atención ao público será de 9 a 14 horas de maneira ininterrompida os martes e os xoves e os mércores será pola tarde de 17 a 19 horas. Os días de feira será pola mañá, de 9 a 14 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.