Saldo migratorio positivo en Galicia durante o 2023 con case 26.000 persoas

A análise da idade das persoas que entran e saen de Galicia reflicte que desde 2017 a media de quen chegan a Galicia (36,3 anos en 2023) é inferior ao dos que se van (38,1).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O saldo migratorio (diferenza entre as entradas e as saídas) de Galicia en 2023 presentou un valor positivo de 25.738 persoas, un 5,6% inferior ao rexistrado en 2022. É o segundo máis alto da serie histórica dispoñible, segundo publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

O saldo migratorio total por cada mil habitantes aumentou na provincia de Lugo e diminuíu nas restantes provincias galegas durante ese ano.

A nivel municipal, os concellos que presentaron maior saldo migratorio interior (é dicir, saldo entre os movementos con orixe e destino nalgún municipio de Galicia) foron Oleiros (+418 persoas) e Ourense (+293 persoas). Os que tiveron menor saldo interior foron Vigo (-789 persoas) e A Coruña (-677 persoas).

Os que en 2023 rexistraron maior saldo migratorio exterior (dos movementos con orixe ou destino fóra de Galicia) foron A Coruña (+3.837 persoas) e Vigo (+2.868 persoas), e os que menos foron Padrenda (-16 persoas) e Dumbría (-10 persoas).

Desde 2016, a taxa de inmigración (calculada como as inmigracións por cada 1.000 habitantes) supera á de emigración (emigracións por cada 1.000 habitantes) en Galicia. En 2023 toma os valores de 22,9 entradas e 13,3 saídas por cada mil habitantes.

A análise da idade das persoas que entran e saen de Galicia reflicte que desde 2017 a media de quen chegan a Galicia (36,3 anos en 2023) é inferior ao dos que se van (38,1).

Por xénero, os homes que acudiron a Galicia tiñan de media 35,8 anos e os que se foron, 37,9 anos. No caso das mulleres, tiñan 36,8 as que elixiron esta comunidade como destino e 38,4 as que marcharon.

Por nacionalidade, os estranxeiros de media chegaron con 33,2 anos e fóronse con 36,6,.

Por grao de urbanización, nas zonas pouco poboadas os movementos migratorios son protagonizados de media por persoas de máis idade que no resto das zonas.

Por grandes grupos de idade, a 1 de xaneiro de 2024 o 13,3% dos estranxeiros residentes en Galicia tiñan menos de 16, o 79,5% entre 16 e 64 anos e o 7,1% eran de 65 ou máis idade.

Mentres, a distribución da poboación estranxeira a nivel municipal no territorio galego é desigual. En 2024, as maiores porcentaxes (con respecto ao total da poboación do concello) preséntanse na provincia de Ourense: Oímbra (19%), A Mezquita (15,5%) e Carballeda de Valdeorras (14,7%).

Tampouco é uniforme a presenza de poboación estranxeira no sete grandes concellos. Na Coruña, Lugo e Ourense supera o 8% do total da poboación mentres que en Pontevedra e Ferrol supón menos do 6%.

Pola súa banda, a poboación de nacionalidade española inscrita a 1 de xaneiro de 2025 no padrón de residentes no estranxeiro con referencia a algún concello galego vive maioritariamente en países de América (o 77,9%) e de Europa (o 21,2%). Por grupos, o 31,8% ten 65 ou máis anos, mentres que o 8,6% ten menos de 16. En canto ao lugar de nacemento, tres de cada catro fixérono fóra de España.

Arquivo - Un mozo traballando de rider, a 14 de outubro de 2024, en Madrid (España). A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, asegurou que un 13,6% dos afiliados á Seguridade Social son estranxeiros, que representan ?un. Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un mozo traballando de rider, a 14 de outubro de 2024, en Madrid (España). A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, asegurou que un 13,6% dos afiliados á Seguridade Social son estranxeiros, que representan ?un. Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta