Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/09/2021 | Actualizada ás 20:08
A concentración convocada pola Mesa no Grove para denunciar a deturpación do topónimo da Toxa saldouse con momentos de tensión nos que a Garda Civil chegou a empurrar a varios dos manifestantes para apartalos da estrada.
En concreto, a protesta buscaba criticar o uso deste topónimo por parte do III Foro La Toja 2021, onde este mércores se deron cita o rei Felipe VI, a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outros.
Un grupo de persoas convocadas pola asociación acudiu á ponte preto das 17,00 horas portando diversos carteis co lema 'Eu quero galego' e unha pancarta na que se lía 'A Toxa polo seu nome'.
Con todo, segundo o relato de participantes na protesta, a Garda Civil non lles permitía cruzar a ponte e producíronse incidentes ao tentar situarse no medio da vía, momento no que varios axentes empurraron e obrigaron os manifestantes a apartarse á beirarrúa. Entre eles atopábase o propio presidente da Mesa, Marcos Maceira, que acabou polo chan debido a un destes empurróns.
Maceira denunciou que os axentes mostraron "moita agresividade" cara a eles desde o primeiro momento e tampouco permitiron intervencións dos portavoces da asociación para dirixirse cara á xente. "Parécenos unha actitude absolutamente irresponsable e absolutamente desproporcionada", censurou.
🔴 Agresións na concentración da Mesa na ponte da Toxa por parte da policía por defender a legalidade lingüística #aToxa pic.twitter.com/lbFg0VExd8
— A Mesa Normalización Lingüística (@amesanl) September 29, 2021
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.