Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2024 | Actualizada ás 12:46
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recibiu este xoves a unha representación da Asociación PuntoGal, encabezada polo seu presidente, Manuel González, con motivo do décimo aniversario da consecución do dominio '.gal', do que eloxiou a súa capacidade para difundir na rede a cultura, a lingua e as empresas galegas.
A Xunta de Galicia apoiou, institucional e financeiramente, a consecución do dominio galego en Internet desde "o convencemento dos beneficios que isto suporía para a proxección na rede da lingua, cultura e o tecido empresarial galego".
Así, a Administración autonómica foi das entidades pioneiras en empregar o ".gal" e convertelo no dominio de referencia para a súa presenza na rede, estendendo o seu uso a todas as webs institucionais e ao correo corporativo. Con esta iniciativa, a Xunta quixo dar un novo impulso para fortalecer a consolidación do dominio galego, que hoxe en día conta con preto de 7.300 dominios rexistrados.
A consecución do ".gal" fai dez anos foi un "fito histórico", dixo a Xunta, froito do apoio de toda a sociedade galega a unha iniciativa impulsada pola Asociación PuntoGal. Ao obxectivo de conseguir un dominio en galego adheríronse máis de 14.000 cidadáns, 115 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.