A Xunta require ao Estado que pida xudicialmente 49 bens de Meirás aínda sen reclamar

29 son da época de Emilia Pardo Bazán e 20 corresponden á Xefatura do Estado.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/10/2021 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A Xunta instou ao Estado a pedir xudicialmente a propiedade de 49 bens do Pazo de Meirás, que están aínda sen reclamar, tras detectarse a situación dos mesmos na análise do grupo técnico constituído polas administracións para o convenio que subscribirán para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a bens mobles.

Nun encontro con xornalistas, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, confirmou que o conselleiro Román Rodríguez remitiu unha comunicación ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez para "preservar os valores" destes bens.

No procedemento xudicial, reclamáronse por parte do Estado 133, dos que 55 discútese a súa propiedade. Agora a estes súmanse outros 49 que o grupo técnico, de acordo co analizado polos representantes da Xunta, considera que deben ser considerados BIC "polos seus valores vinculados a sitio histórico", expuxo.

Ao fío diso, incidiu na necesidade de que se emprendan as accións xudiciais necesarias para ter a titularidade, algo que, dixo, só pode reclamar ao Estado no xulgado que dirimirá que bens non poderán retirarse de Meirás e que fixou para iso unha vista o 22 de outubro.

DECLARACIÓN BIC

"Unha declaración BIC non supón un cambio na titularidade dos bens", advertiu, no entanto, o secretario xeral, que lembrou que con bens deste tipo o propietario debe requirir unha autorización previa para retiralos. Sobre as estatutas do Mestre Mateo, incidiu en que "forman parte dun conxunto vinculado á catedral", ao diferenciar a súa situación respecto doutro tipo de bens.

Dos 49 que a Xunta entende que o Estado debe pedir a súa titularidade pública, precisou que 29 son da época de Emilia Pardo Bazán e 20 corresponden á Xefatura do Estado. Entre eles, hai cadeiras, lámpadas, vitrinas e cadros, entre outros.

En canto ao convenio que ambas as administracións asinarán como paso previo á ampliación da declaración BIC a bens, manifestou que se lle dará a "máxima prioridade", unha vez que conclúa o traballo do grupo técnico. A partir de aí será cando, segundo apuntou, a Xunta estará habilitada para iniciar este procedemento. Sobre os bens que sexan declarados BIC, dixo que é a forma en que poidan quedar en Galicia.

Arquivo - Visitas ao Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Visitas ao Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta