Por Europa Press / Redacción | Viveiro | 01/10/2021 | Actualizada ás 15:13
O comité de Vestas Viveiro (Lugo) convocaron unha manifestación para o vindeiro martes día 5 ás 15,00 horas en Santiago, onde marcharán desde o centro comercial As Cancelas ata a sede da Xunta en San Caetano.
Será na véspera da nova reunión que a empresa ten convocada para abordar o expediente de regulación de emprego (ERE) vinculado ao peche da planta, que prevé executar a finais de ano.
Os traballadores, que esta semana se desprazaron xa a Compostela para reunirse cos grupos parlamentarios coincidindo co debate da súa problemática no pleno da Cámara, tentan paralizar o período de consultas do ERE, que a compañía deu por aberto o pasado martes.
Previamente, o luns, a Xunta acordou co comité constituír unha mesa industrial á que convidan a representantes da firma e do Goberno central, coa finalidade de atopar alternativas ao peche da factoría.
No pleno do Pazo do Hórreo, o PSdeG urxiu ao Goberno galego a reunir a mesa industrial, mentres que o BNG pide "actuacións inmediatas para salvar" a fábrica.
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, subliñou o mércores que o Goberno galego "non pode estar máis en contra" do anuncio de peche da planta de Vestas en Viveiro, pero é algo que achaca á política enerxética do Executivo central.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.