Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 14/10/2021 | Actualizada ás 11:30
Ceferino. Mesa Camilla. Amio. Monte Pío. Roxos. Perbes. Monte Faro. Castelo de Soutomaior. O Poleiro. Anque Chova. Tripartito. Autoidentificación. A Aldraxe. Os Dezaséis. O Audi. O Hórreo. A COTOP. Pesca I. Pasou o que Pasou.
Que pouca memoria teñen os galegos, mesmo aqueles que xa tiñan uso de razón nestes primeiros corenta anos de vida colectiva democrática de toda a nosa historia. Moitos poucos somos os que nos lembramos e poucos máis son os que leron destas cousas. Non hai cátedras Jean Monnet para traer a boa nova dos Pais Fundadores (así se lles chama) da UE. E o noso currículo académico na persevera desmemoria da que falaba Vázquez Montalbán no seu “Galíndez” e a memoria histórico-democrática selectiva onde Galicia é unha nota a pé, un sucedáneo, coma neses libros escolares de disque 17 taifas pero editados todos polas mesmas catro editoriais en Madrid.
Hai uns días presentouse no Porta do Camiño, hotel clásico para os actos na nosa capital, as memorias póstumas de Dositeo Rodríguez “Mis años con Fraga. Gobierno desde la Cocina”, onde aparte do inevitable O Presidente (o que si gañou aquelas eleccións) estiveron grandes clásicos como Vázquez Portomeñe (autor xa no 2014 de “Testigo y parte: de la Historia reciente de Galicia”), “O” alcalde compostelán Xerardo Estévez, o debuxante Siro López, amais do grande Enrique López Veiga. Posiblemente a idade e as afinidades electivas impediron a presenza doutros persoeiros coma Pita Varela ou o pai do incombustible "Pelegrín", Pérez Varela.
O Frontón de Riazor. O Bigoberno. O Merendiñas. “Reina Madre”. O Telón do Grelo. Goberno Amigo. O Delfín. Birretes. Santa Susana. O Hostal. Merino. San Caetano. Camilo. Gaiás. Paco. García Negro. Senra. Coagas. Victorino. Cortizo.
Alén casos illados coma as Memorias-axuste de contas de Touriño (de lectura tanto obrigada coma improbable para a presidenciable Ana Pontón) non se estila o xénero das memorias ou o ensaio xornalístico sobre o noso propio pasado. Houbo unha época, hai décadas, que Xerais tiña unha liña de ensaio pola que pasaron as vidas biografiadas de Paco Vázquez (“A Pegada dun Príncipe), Camilo Nogueira (por Suso de Toro) ou as crónicas do case único compañeiro de viaxe no sentido inverso ao dominante, Carlos Mella (“A Galicia Posible”, “Non Somos Inocentes”).
“Fagámonos respetar,
Fagámonos escoitar,
A nosa terra faise,
Non se entrega,
Por iso convén,
Coalición Galega”
Hai, claro, as haxiografías de cando Beiras era alguén (“A Nación Incesante” de Fernán Vello) pero non lembro, e iso que son deses infelizmente raros friquis que buscan estas cousas nas bibliotecas públicas (tentalo facer nas librarías é imposible ata que, como cando a crise do 2008, botan décadas de catálogo literalmente á rúa) unhas memorias sobre Euloxio López Franqueira ou Antonio Rosón, a primeira persoa en mil anos de historia, desde o García II de Xohán Cabana que representou en exclusiva a todos os galegos.
Persoas sen as que non se entende nin a Galicia que foi nin a que puido ser. Pero como non lemos libros, nin as ocasionais crónicas xornalísticas dos poucos veteranos que quedan nas redaccións, cometemos despropósitos da desmemoria que desacreditan as institucións, que malia os pecados de orixe, e tras moitas décadas de polémica estéril, finalmente asumidas por todos.
“PSG-PG a forza de Galicia está contigo
PSG-PG a forza de Galicia es ti”
Que conste que a desmemoria é algo normal, parte debido a un mercado mediatice artificialmente reducido. En Escocia agás os departamentos das universidades onde xente como James Mitchel, Michael Keating, Paul Cairney, Ailsa Henderson viven moi ben de especular sobre o Brexit e a sempre adiada independencia escocesa (as matrículas custan desde este ano 25.000 euros de media tamén para os Europeos, xa se sabe que as bágoas de crocodilo eurófilo pouco teñen que facer perante o penique é o penique), pero fóra daí o xornalismo e o mercado editorial pouco pode facer ante o burato negro que é Londres, e máis compartindo idioma.
David Torrance, biógrafo non autorizado do león da política escocesa Alex Salmond, logo de máis dunha década de freelance tirou a toalla e agora traballa no excelente servizo de investigación do Parlamento Británico. E é que adicarse a investigar o rol dos ministros escoceses en Londres repañando para a casa cos gobernos amigos e promovendo a autoidentificación “ao borde da autodeterminación”, non é algo moi popular nun clima como o destes tempos onde as ideas, coma o whisky, mellor servilo só e “on de rocks”.
Superdelegado. Xacobeo. Terra Única. Calidade. “Ternera”. Microcentrais. Cerceda. Parcelaria. O Vento. Fletán. O Zapato.
O máis triste de todo isto, é que Galicia non terá realmente un futuro realmente propio se non asumimos a súa complexidade, gústenos ou non. Mais non sorprende a nosa desmemoria colectiva. Vívese máis a gusto amolado, amolando e laiándose. Por moito que Galicia sexa territorio bastante proclive aos mestizaxes e ás conversións damascenas. Xa sabemos o que di o noso saber popular sobre Deus e sobre o Diaño.
“Xuntos pra gañar a vida dia a dia hoxe e mañá tamén...” (Juan Pardo)
“Erguerei a Bandeira Azul e Branca, a fiel enseña da nazón galega” (Juan Pardo).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.