Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 15:00
A segunda semana deste mes de outubro vén cargada dunha palabra que se repite ata a extenuación nos medios galegos: debate. Coa cita do Estado de Autonomía aínda decorrendo no Pazo do Hórreo, a TVG vén de anunciar un novo programa de corte político para analizar a actualidade galega nun formato pensado "cos criterios de servizo público".
A cadea afincada en San Marcos arrincará as emisións de "O debate da G2" este mesmo xoves ás 18:00h. Segundo destacan na web da corporación radiotelevisiva pública, este emitirase de martes a venres e estará conducido pola xornalista Sabela Romar, que se acompará de catro expertos para abordar cada un dos temas que vaian xurdindo no novo espazo, dirixido por Maribel González.
O espazo, desenvolto en directo, prevé abranguer "unha gran variedade de temas, desde os de carácter social e económico ata os estritamente políticos". Como non podía ser doutra forma, a estrea deste xoves terá por liña central o Debate do Estado da Autonomía, e contará coa presenza do consultor político e de comunicación Juan Carlos Piñeiro, e cos xornalistas Luis Pérez, Carla Reyes e Fernando Salgado.
Tamén no venres o programa continuará coa análise do debate do estado de autonomía, se ben neste caso deixarán espazo para os Presupostos Xerais do Estado --polos que Miñones vén de lanzar unha chama de atención aos "laios" da Xunta-- e o inicio do 40 Congreso do PSOE, entre outras cuestións. Nesta ocasión, apuntan dende a corporación, contará coa participación do xornalista Roi Rodríguez, da profesora de Ciencia Económica María Bastida, do analista político Xesús Veiga e de Xosé Luis Gómez, editor de 'Mundiario', .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.