O PP pide fondos ao Goberno para financiar a gratuidade das gardarías galegas

A medida estrela de Feijóo no Debate do Estado de Autonomía precisaría agora de axuda de parte do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular recolleu, entre as súas propostas de resolución, o principal anuncio que deixou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o estado da autonomía, a intención de facer gratuítas as gardarías para todos os nenos de 0 a 3 anos a partir do curso que vén.

No entanto, tal e como tamén expresou no debate Feijóo, os populares queren que o Goberno central contribúa a cofinanciar esta medida, que en Galicia se implantou para segundos fillos e sucesivos en 2020.

Na súa iniciativa número 29 de 40 --o máximo por grupo que se poden presentar--, o PPdeG insta a que a Xunta "siga avanzando nas medidas de conciliación e apoio ás familias", no marco da Lei de impulso demográfico --aprobada este ano-- e que reclame ao Goberno central que "contribúa ao financiamento da gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos, que se porán en marcha a partir do próximo curso".

Preguntado en rolda de prensa se corre perigo a posta en marcha da iniciativa no caso de que o Executivo central non participe economicamente, o viceportavoz parlamentario do PPdeG e secretario xeral do partido, Miguel Tellado, garantiu o cumprimento deste "compromiso". "Vaise levar adiante co apoio ou non, ofrecemos que se debe implicar", manifestou o político popular, quen lamentou que a Xunta xa pediu que se sumase á gratuidade de segundos e sucesivos "e non o fixo". "Pero en calquera caso levarémolo adiante", aseverou.

A medida beneficiaría a uns 20.000 nenos na Comunidade galega, dos cales 10.000 serán primoxénitos, segundo precisaron fontes da Xunta a Europa Press.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e a viceportavoz parlamntaria Paula Prado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e a viceportavoz parlamntaria Paula Prado | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta