Os traballadores de ElectroRayma levan a protesta de Ferrol á Coruña cunha caravana de vehículos

A subdelegada do Goberno comprometeuse a mediar na resolución do problema.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2021 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, comprometeuse cos integrantes do comité de empresa de ElectroRayma a mediar entre a compañía auxiliar situada no polígono de Río do Pozo, en Narón, e a empresa naval pública Navantia, á que a primeira lle reclaman ata 4,7 millóns de euros polos traballos executados na construción dos dous buques do tipo AOR para a Armada de Australia, ao existir desavinzas polos traballos realizados.

"A subdelegada do Goberno comprometeuse a tentar mediar entre ElectroRayma e Navantia", detallou o presidente do comité de empresa, Roberto Montero (CIG), ao termino do encontro desenvolvido na mañá deste martes, 19 de outubro, tras desprazarse ata A Coruña nunha caravana automobilística que partiu ás 9,00 horas desde o estaleiro de Ferrol.

"Trasladáronnos que lles parece unha cousa rara, que ten un encaixe raro e van falar coas dúas partes para que haxa unha mesa de negociación ou algo polo estilo", detallou. Ademais, lembrou que sobre a súa empresa "pesa unha orde de embargo de 1,8 millóns de euros que non pode facturar, mentres non se levante o embargo, tamén quedaron en mirar como está esta situación para que os traballadores poidan cobrar".

INFORME EXTERNO

Pola parte social, volven reclamar que "ambas as partes senten a negociar, para poder chegar a un acordo e se é necesario que se contrate a un terceiro para que estime o custo dos traballos realizados, xa que aquí o importante é salvar os postos de traballo, sobre todo nunha comarca como a de Ferrolterra co que está a padecer, e onde os operarios, que cumpriron co seu traballo, parece que é a parte que menos importa".

Segundo manifestaron, mentres non se solucione esta situación, continuarán manifestándose "e cada vez endurecendo máis as medidas", avisaron, ao lembrar que xa son dous as nóminas que se lles deben aos empregados, a extraordinaria de verán e a do mes de setembro.

Mobilización do traballadores de ElectroRayma
Mobilización do traballadores de ElectroRayma

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta