Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 18:47
A Federación Galega de Patinaxe comunicou este domingo o falecemento do seu presidente, Vicente Torres, quen ademais é pai do capitán do Hockey Club Liceo da Coruña, David Torres. Vicente Torres morreu aos 62 anos de idade en Barcelona, horas antes de disputarse o partido entre o Liceo e o Hockey FC Barcelona. De feito, ao comezo do encontro gardouse un minuto de silencio.
A través dun comunicado, a Federación Galega de Patinaxe e os seus comités deportivos enviaron o seu "máis sentido pésame" á familia e amizades do seu presidente, a quen destacaron como "gran traballador para visibilizar e impulsar a patinaxe e todas as disciplinas que o engloban".
Tamén a Xunta, a través do seu secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, expresou as súas condolencias e mandou unha "mensaxe de ánimo a toda a súa familia e amigos, así como a toda a patinaxe galega".
Ademais, Lete Lasa enxalzou a figura de Vicente Torres como "mecenas e impulsor" deste deporte, xa que entre os seus éxitos están os "numerosos triunfos" do hockey sobre patíns galego "e sobre todo do Liceo", así como as vitorias do CPA Gondomar, o recente campionato mundial junior de Lucas Yáñez en patinaxe artística e o "gran papel" da delegación galega en eventos internacionais como os World Roller Games de Barcelona 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.