Por E.P. | VIGO | 12/11/2021 | Actualizada ás 15:57
Monfero e Taboada adheríronse ao programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na Casa, que desenvolve a Xunta en colaboración con entidades locais.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou este venres a incorporación ao programa dos concellos de Monfero e Taboada cos seus alcaldes, Andrés Feal e Ramiro Moure. Deste xeito, o servizo beneficiará a unha vintena de persoas residentes no municipio coruñés e outro dez do lucense.
A iniciativa busca garantir unha dieta saudable, equilibrada e a adaptada ás necesidades dos seus usuarios, dos que a maior parte son maiores que viven sós, persoas dependentes ou en risco de exclusión. A comida repártese nas vivendas nunha única entrega para toda a semana e tamén se poden proporcionar electrodomésticos a persoas que carezan deles.
Os beneficiarios son seleccionados por servizos sociais municipais, mentres a Xunta financia o 50% do custo da comida. O resto do importe asúmeno os municipios e os usuarios. A incorporación de Monfero e Taboada a Xantar na Casa eleva a 190 as localidades galegas adheridas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.