PuntoGal colaborará na difusión do Arquivo do Patrimonio Oral do Museo do Pobo Galego

O acordo foi rubricado este xoves polos presidentes de PuntoGal, Manuel González, e do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, nun acto celebrado en San Domingos de Bonaval.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O dominio PuntoGal colaborará de forma económica e na difusión do Arquivo do Patrimonio Oral da Indentidade (APOI), un programa que ten como obxectivo a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio inmaterial galego e que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego puxo en marcha en 2007.

O acordo foi rubricado este xoves polos presidentes de PuntoGal, Manuel González, e do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, nun acto celebrado en San Domingos de Bonaval. O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade é un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O repositorio conta con fondos como relatos, música, baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica.

Conforme sinalou PuntoGal, o traballo que se realiza inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible a través da web http://apoi.museodopobo.gal, os seus contidos son adecuados para o estudo, a investigación e o lecer. Trátase dunha base de datos que recupera e garda a memoria do pasado para convertela nunha ferramenta para o futuro.

"REVITALIZACIÓN DA PERSONALIDADE GALEGA"

Na súa intervención, o presidente do padroado do Museo agradeceu a PuntoGal o seu apoio e manifestou que feitos como este "son motivo de alegría" e "un incentivo máis para continuar no longo camiño de desenvolvemento e revitalización da personalidade galega".

Pola súa banda, Manuel González subliñou a importancia de "preservar" e dar a coñecer os contos, etnotextos, as cantigas, as adiviñas, a poesía popular e todas as expresións orais que reflicten os modos de vida da sociedade galega e que explicitan os trazos máis importantes da identidade galega. "O patrimonio cultural oral é unha herdanza que temos que conservar e preservar, porque é unha riqueza para a nosa comunidade, pero tamén para a humanidade enteira", sinalou para incidir en que PuntoGal ten entre as súas finalidades a defensa da defensa da identidade galega e a súa difusión a través do ciberespazo.

Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego
Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta