O TSXG autoriza esixir o pasaporte Covid a acompañantes e visitas de pacientes ingresados nos hospitais

Rexeita que a presentación do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa "un sacrificio desproporcionado".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/11/2021 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta implementar a "medida preventiva de seguridade sanitaria" consistente na exhibición do pasaporte Covid para o acceso aos hospitais públicos e privados da Comunidade galega das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos pacientes ingresados.

Así o informou o TSXG, que concretou que a medida, que terá efecto desde as 00,00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00,00 horas do 4 de decembro, cumpre, segundo os maxistrados, "a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos".

Os xuíces argumentan no auto que é "unha evidencia científica" que a transmisión da Covid-19 entre os vacinados é "moito menor á do non vacinados", polo que rexeitan que a exhibición do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa "un sacrificio desproporcionado" para os visitantes ou acompañantes dos enfermos.

Os maxistrados consideran "xustificado", debido á situación epidemiolóxica actual de Galicia, adoptar "medidas que permitan conciliar a posibilidade de que o paciente reciba visitas e estea acompañado coa necesidade de evitar contagios".

A Sala destaca no auto que a medida ten como obxectivo controlar o acceso de persoas a espazos pechados dos hospitais nos que se poden agrupar "factores que aumentan o risco de transmisión do virus", pois neles "establécense contactos próximos e prolongados entre os pacientes e os seus acompañantes e as visitas, en ocasións en habitacións compartidas con outras persoas ingresadas, mesmo coa posibilidade de pasar a noite", engade.

Ademais, indica que nesas dependencias realízanse actividades nas que é necesaria a retirada da máscara ou "existe dificultade para o seu uso correcto", explica o TSXG, á vez que subliña que a Xunta trata de "garantir a seguridade sanitaria" e de "diminuír o risco de contaxio neste tipo de establecementos".

O tribunal tamén puntualiza que a orde limita a exhibición da documentación aos centros onde os pacientes están hospitalizados, pois "exclúe expresamente outros espazos como consultas hospitalarias ou servizos de urxencias, xa que neles non se produce unha estancia prolongada, co consecuente risco de transmisión do virus".

PROBA VOLUNTARIA

A Sección Terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sinala que a "redución significativa dos contaxios" que persegue a orde da Xunta "alcanza maior significado cando se trata de protexer tanto aos pacientes hospitalizados, que presentan unha especial vulnerabilidade, como ao persoal que presta o servizo de asistencia sanitaria e que desenvolve o seu traballo no interior dos hospitais".

Para autorizar a medida, o TSXG tamén tivo en conta que a Consellería de Sanidade ofrece unha alternativa ás persoas que non estean vacinadas, pois se lles permitirá o acceso se se someten voluntariamente a unha proba diagnóstica realizada no hospital.

O TSXG sinala que contra esta resolución do alto tribunal galego cabe interpor recurso de casación ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.

Hospital da Coruña / Europa Press. / Europa Press
Hospital da Coruña / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta