Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/11/2021 | Actualizada ás 19:32
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou este mércores que o Sergas respecta e acata a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que o obriga a abonar os custos dunha mamoplastia e vaxinoplastia dunha muller trans "porque a vontade de Sanidade era ofrecerlle ese servizo", pero achacou a situación a un contexto de "transición sanitaria".
Segundo explicou o conselleiro durante o pleno do Parlamento de Galicia, en resposta a unha cuestión exposta polo grupo socialista, a Xunta quere pór o foco "en que estes casos non se repitan", pero sinalou que esta situación se produce nun tempo de "transición sanitaria, no que houbo que afrontar a derivación de pacientes a centros públicos e privados".
Comesaña asegurou que dous meses antes da intervención --que se produciu en xaneiro--, solicitouse a operación, para a que se piden máis datos. A paciente, indica, sométese á operación mentres se esperaba a completar o proceso de derivación. "En todo momento o obxectivo foi garantir este tipo de intervencións, que están dentro do catálogo", aseverou o titular de Sanidade, que subliñou ademais que a sentenza só os condena a abonar o custo da operación, 22.500 euros.
"De feito, operouse exactamente no mesmo centro no que se tramitaba a derivación", remarcou Comesaña, que aproveitou para destacar algunhas das medidas do Goberno galego nesta materia, como é a creación na Coruña da Comisión cirúrxica de disforia de xénero, que xa avaliou a 60 persoas, ou a unidade específica de transexualidade para menores, creada a finais de 2017 no CHUS.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.