Só hai 15 concellos en Galicia que non contan con vivendas de uso turístico (VUT) e a maioría están en Ourense

Pola contra, o listado de concellos galegos con maior número de vivendas de uso turístico declaradas de maneira oficial estaría encabezado por Sanxenxo, Vigo e A Coruña.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Na última década Galicia ten sufrido un crecemento sen precedentes na oferta das vivendas de uso turístico (VUT). O que comezou como unha alternativa complementaria á hostalería tradicional estase a converter (se non o é xa) nun fenómeno que transforma o panorama do aloxamento na nosa terra. Así, a día de hoxe, só 15 --Curtis, Ribeira de Piquín, Bande, Os Blancos, Sarreaus, Quintela de Leirado, Verea, Vilar de Santos, Avión, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo-- dos 313 concellos galegos carece dalgunha vivenda deste tipo rexistrada de maneira oficial (habería que comprobar se se mantén este dato engadindo a oferta de plataformas como Airbnb), o que evidencia a súa implantación masiva e a súa penetración mesmo en territorios moi alonxados de grandes núcleos turísticos. Con todo, o máis rechamante non é só a omnipresenza destas vivendas, senón a súa concentración tamén en concellos con pouca poboación fixa, onde o número pode chegar a superar con creces a oferta de aluguer residencial. Así as cousas, Galicia Confidencial fai un repaso polos datos que ofrecen os rexistros oficiais de Turismo de Galicia sobre os concellos máis saturados e sobre aqueles que aínda se manteñen alleos a unha realidade que, máis cedo que tarde, tocará tamén ás súas portas.

Peregrinos do Camiño de Santiago
Peregrinos do Camiño de Santiago | Fonte: EDUARDO SANZ NIETO - Arquivo

PROVINCIA DA CORUÑA: A CORUÑA, SANTIAGO, RIBEIRA, FISTERRA, CARNOTA, BOIRO E FERROL SUPERAN AS 300 VIVENDAS DE USO TURÍSTICO DECLARADAS

Por provincias, na da Coruña son as dúas grandes cidades as que se levan o primeiro e o segundo posto do listado: A Coruña (249.255 habitantes) conta con 1.351 vivendas de uso turístico rexistradas de maneira oficial e Santiago de Compostela (99.491 habitantes), con 750 VUT. Con todo, o terceiro posto a nivel provincial non é para Ferrol, nin moito menos. O terceiro posto ocuparíao Fisterra (4.728 habitantes), con 451 VUT. Seguiríanlle Ribeira (27.030 habitantes), con 435 VUT; Carnota (3.809 habitantes), con 378 VUT; e Boiro (18.998 habitantes), con 312 VUT. Despois, no sétimo lugar si aparecería Ferrol (64.358 habitantes), con 259 vivendas de uso turístico declaradas. Neste caso, como vimos anteriormente, Curtis (4.164 habitantes) é o único concello que non conta con ningunha destas vivendas destinadas ao turismo (alo menos non declarada).

Tamén compra resaltar que na provincia da Coruña hai tamén moitos concellos que, contando con menos de 10.000 habitantes (en non poucos casos, moitos menos), contan con máis de 100 VUT rexistradas no municipio. Podemos falar así dos casos da Pobra do Caramiñal (9.181 habitantes), que ten 154 vivendas declaradas de uso turístico; Ares (6.160 habitantes), con 104 VUT; Arzúa (5.892 habitantes), con 105 VUT; Cabana de Bergantiños (4.099 habitantes), con 112 VUT; Camariñas (5.094 habitantes), con 229 VUT; Cedeira (6.545 habitantes), con 205 VUT; Cee (7.733 habitantes), con 178 VUT; Corcubión (1.683 habitantes), con 131 VUT; Laxe (2.920 habitantes), con 153 VUT; Malpica de Bergantiños (5.283 habitantes), con 206 VUT; Miño (6.942 habitantes), con 195 VUT; Muros (8.176 habitantes), con 241 VUT; Muxía (4.381 habitantes), con 185 VUT; Ortigueira (5.448 habitantes), con 158 VUT; Padrón (8.292 habitantes), con 127 VUT; Ponteceso (5.303 habitantes), con 101 VUT; e Porto do Son (9.080 habitantes), con 281 VUT. Deste xeito, un total de 25 dos 92 concellos da provincia contan con máis de 100 vivendas de uso turístico declaradas, é dicir, o 27 %.

PROVINCIA DE PONTEVEDRA: SANXENXO, VIGO, O GROVE, CANGAS, VILAGARCÍA, POIO, BAIONA, PONTEVEDRA, NIGRÁN E BUEU TEÑEN MÁIS DE 300 VUT

Caixa de seguridade para as chaves dun piso de aluguer turístico, a 17 de xuño de 2024, en Madrid
Caixa de seguridade para as chaves dun piso de aluguer turístico, a 17 de xuño de 2024, en Madrid | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

No caso da provincia de Pontevedra, non son nin moito menos as dúas grandes cidades as que se levan a palma en número de vivendas de uso turístico. De feito, o primeiro posto ocúpao o concello de Sanxenxo (17.898 habitantes), con 3.068 VUT declaradas nos rexistros oficiais. A segunda posición si que sería para a cidade de Vigo (295.523 habitantes), con 2.206 VUT; mentres que na terceira quedaría O Grove (10.886 habitantes), con 748 VUT. Seguiríanlles Cangas (26.731 habitantes), con 663 VUT; Vilagarcía de Arousa (37.831 habitantes), con 549 VUT; Poio (17.412 habitantes), con 501 VUT; Baiona (12.496 habitantes), con 480 VUT; agora si, na posición oitava, aparecería Pontevedra (83.106 habitantes), con 472 VUT; Nigrán (18.200 habitantes), con 395 VUT; e Bueu (11.830 habitantes), con 388 vivendas de uso turístico rexistradas de maneira oficial. Así as cousas, na provincia non hai ningún concello que careza deste tipo de vivendas na actualidade.

Ademais, ao igual que acontecía no caso da provincia da Coruña, na de Pontevedra tamén se dan casos de pequenos concellos que teñen menos de 10.000 habitantes e que superan o centenar de vivendas de uso turísticos. Atopamos con estas características á Illa de Arousa (4.853 habitantes), con 208 vivendas declaradas de uso turístico; e Caldas de Reis (9.617 habitantes), con 136 VUT. Así mesmo, hai vilas moi turísticas que superan os 10.000 habitantes e que teñen un inxente número de VUT, como son A Guarda (10.064 habitantes), con 201 VUT; Cambados (13.834 habitantes), con 290 VUT; Marín (24.589 habitantes), con 232 VUT; Moaña (19.304 habitantes), con 248 VUT; Redondela (29.031 habitantes), con 191 VUT; e Vilanova de Arousa (10.238 habitantes), con 234 vivendas de uso turístico. Así, 17 dos 61 municipios da provincia superan o centenar de vivendas de uso turístico, o equivalente ao 28 %.

PROVINCIA DE LUGO: FOZ, BARREIROS, VIVEIRO, LUGO E RIBADEO, ÚNICOS CONCELLOS CON MÁIS DE 300 VIVENDAS DE USO TURÍSTICO

Pasando á provincia de Lugo, obsérvase que tampouco nela é a principal cidade a que ostenta o récord de vivendas de uso turístico rexistradas oficialmente, senón que a maioría delas se atopan ubicadas na zona da Mariña. Así, encabezando o ranking, o primeiro posto ocuparíao o concello de Foz (10.276 habitantes), con 694 vivendas de uso turístico declaradas. O segundo lugar sería para Barreiros (3.025 habitantes), con 528 VUT; e no terceiro estaría Viveiro (15.239 habitantes), con 467 VUT. Habería que caer ata o cuarto posto para atopar a cidade de Lugo (99.365 habitantes), con 322 VUT. Seguiríalle logo Ribadeo (9.971 habitantes), con 304 vivendas de uso turístico sobre o rexistro. Destacar tamén que na provincia de Lugo hai un único concello que non conta con ningunha vivenda deste tipo, e trátase de Ribeira de Piquín (491 habitantes).

Tamén nesta provincia se dan casos de concellos que, aínda tendo menos de 10.000 habitantes, teñen máis dun cento de vivendas de uso turístico declaradas. Atopámonos así con Burela (9.555 habitantes), con 199 VUT; e O Vicedo (1.590 habitantes), con 118 VUT. Aínda que tamén merecen mención especial os concellos de Sarria (13.534 habitantes), con 158 VUT; e Monforte de Lemos (18.572 habitantes), con 173 VUT. Así as cousas, só 9 dos 67 concellos que integran a provincia contan con menos dun cento de vivendas de uso turístico declaradas, isto é, o 13 %.

PROVINCIA DE OURENSE: SÓ A PROPIA CIDADE DE OURENSE SUPERA AS 300 VIVENDAS DE USO TURÍSTICO OFICIALMENTE REXISTRADAS

Finalmente, e nunha situación moi contraria ao do resto das provincias galegas, está a de Ourense, onde só a capital provincial conta con máis de 100 vivendas declaradas de uso turístico de maneira oficial. Así, o listado de VUT na provincia estaría encabezado pola propia cidade de Ourense (104.725 habitantes), con 428 VUT. Mentres que o segundo posto, xa moi lonxe desta, sería para Ribadavia (4.944 habitantes), con 62 VUT; e o terceiro, tamén moi lonxe, para Allariz (6.421 habitantes), con 55 VUT. Ademais, na provincia hai un total de 13 concellos que carecen deste tipo de vivendas sobre o rexistro oficial: Bande (1.468 habitantes), Os Blancos (717), Sarreaus (1.068), Quintela de Leirado (593), Verea (952), Vilar de Santos (796), Avión (1.719), Castrelo do Val (951), Cualedro (1.582), Laza (1.164), A Gudiña (1.189), A Mezquita (1.014) e Viana do Bolo (2.738 habitantes).

Por enriba das 10 vivendas de uso turístico tamén custa atopar concellos, e habería que cinguirse á Teixeira (328 habitantes), con 19 VUT; Barbadás (11.163 habitantes), con 12 VUT; Castrelo de Miño (1.284 habitantes), con 13 VUT; Castro Caldelas (1.247 habitantes), con 29 VUT; Celanova (5.701 habitantes), con 17 VUT; Lobios (1.822 habitantes), con 12 VUT; Montederramo (673 habitantes), con 13 VUT; Nogueira de Ramuín (2.042 habitantes), con 39 VUT; O Barco de Valdeorras (13.302 habitantes), con 15 VUT; O Carballiño (14.078 habitantes), con 18 VUT; O Pereiro de Aguiar (6.725 habitantes), con 25 VUT; Parada de Sil (523 habitantes), con 11 VUT; e Rubiá (1.390 habitantes), con 10 VUT.

Cartel de Vivenda de Uso Turístico (VUT)
Cartel de Vivenda de Uso Turístico (VUT) | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta