Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 18:19
Os principais valores da gripe en Galicia, ingresos e consultas de atención primaria, repuntaron lixeiramente a semana pasada. Con todo, a intensidade da onda segue sendo baixa e a tendencia, estable.
Así o reflicte o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública dado a coñecer este xoves, á semana pasada, entre o 10 e o 16 de febreiro. Cos datos deste período, o modelo predictivo da Consellería de Sanidade suxire que nas próximas dúas semanas a taxa de consultas descenderá lentamente.
Aínda que a predición que facía a Consellería para a semana pasada apuntaba a unha diminución da incidencia, finalmente subiu, unha posibilidade que tampouco descartaba pola elevada taxa que presentaban os pacientes pediátricos.
A semana pasada, as consultas por gripe en atención primaria subiron un 14%, ata as 59,2 consultas por cada 100.000 habitantes. Esta tendencia produciuse en todos os grupos de idade, aínda que as taxas máis altas téñenas os máis pequenos: 125,3 os pacientes de 5 a 19 anos e 108,4 os de 0 a 4. A máis baixa preséntana os maiores de 80 anos, con 24 consultas por cada 100.000.
Por áreas sanitarias, a taxa de visitas ao médico ascendeu en todas fóra da de Santiago-Barbanza, onde baixou un punto ata as 47,4 por cada 100.000 habitantes. A máis alta preséntaa a área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (82,4), mentres que a máis baixa segue sendo a de Ferrol (16,7).
En canto aos ingresos, durante a semana pasada 188 persoas con gripe confirmada tiveron que ser hospitalizadas, un crecemento dun 13%. Desde o inicio da tempada, houbo 1.590 ingresos.
A taxa de hospitalizados subiu a 6,9 por cada 100.000 habitantes. Neste caso, os maiores de 80 si que teñen a taxa máis alta (35,5). Por áreas sanitarias, a tendencia xeral foi o ascenso fóra das da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés, onde baixou; e a de Ferrol, onde se mantivo en 4,3 por cada 100.000.
VENDAS EN FARMACIAS
No que respecta ás vendas en oficinas de farmacias, outro dos parámetros empregados para a vixilancia das infeccións respiratorias, volveron subir o test de antíxenos --526 nunha semana--, pero os antigripais baixaron --809--.
Así mesmo, a positividade das probas realizadas polo sistema sanitario creceu un 17,5% para a gripe A, en comparación á semana anterior. A positividade para o virus do tipo B foi só do 3,2%. Entre todas as probas de gripe --sen diferenciar tipo--, mantívose estable cun 20,7%.
O informe de Saúde Pública tamén recolle datos da incidencia de covid-19 e do virus respiratorio sincitial (VRS) en menores de 2 anos, mantense en niveis moi baixos pero si experimentou un crecemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.