Feijóo avisa de que "non lle tremerá a man" se hai que aplicar máis restricións pola sexta onda de covid-19

O presidente da Xunta di que polo momento confía na vacinación e en medidas como o certificado na hostalaría. Avanza que se estuda evitar eventos con xente de pé

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/11/2021 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrou a súa "satisfacción" pola autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á inclusión do certificado covid-19 como requisito para acudir aos restaurantes e aos bares e cafetarías --a partir das 21,00 horas--.

Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. XUNTA
Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Esta é a última medida que incorporou a Xunta ás normas para combater a pandemia en Galicia, xunto coa redución dos grupos de dez a oito comensais por mesa como máximo, pero o presidente autonómico avanzou que se estudará a próxima semana a posibilidade de "substituír" actividades que actualmente se fan de pé por actuacións sentadas.

"A semana que vén, probablemente, iremos falando da oportunidade de substituír actividades de pé por sentadas, iremos falando das ceas con carácter xeral sentados, na mesa con oito persoas como máximo", apuntou Feijóo.

Na súa intervención, o mandatario autonómico agradeceu "a celeridade" do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en 24 horas resolveu a petición de autorización, para que este xoves mesmo xa se coñecía o aval da Fiscalía para o visto e prace.

"É unha moi boa nova para a saúde pública, para os consumidores e para os traballadores da hostalaría", manifestou o presidente galego, quen lembrou que a orde da Consellería de Sanidade ten en conta os hábitos de consumo e, de aí, que bares e cafetarías só teñan que pedir este certificado a partir das 21 horas.

Feijóo lembrou que máis do 94 por cento dos galegos conta con esta credencial, porque xa teñen a pauta completa. "Isto é moi importante para os galegos e para calquera cidadán que veña de calquera lugar de España ou de calquera lugar de Europa ou o mundo, que saiba que Galicia é segura, a hostalaría galega é segura", salientou.

Ademais, supón unha "ferramenta máis para loitar contra a sexta onda, na que, lamentablemente" xa está inmersa España. "Temos que seguir traballando para que non impacte na economía en Nadal", continuou, na súa intervención, na que agregou que a intención desta medida é tamén evitar ter que tomar "outras decisións" que se están implantando noutros países con limitacións de horario e esixencia de test.

"É ÚTIL"

Feijóo, que mostrou a súa "satisfacción", volveu facer un chamamento á vacinación e a destacar que o certificado "é útil", pero tamén a ventilación, a máscara e a distancia social. "A vacina, sendo a ferramenta máis efectiva, non é a infalibilidade ao 1.000 por cen, a vacina non é infalible, ten espazos nos que o contaxio é máis benigno, probablemente sen necesidade de ingreso", apuntou.

O presidente da Xunta insistiu, ademais, en que espera que os galegos de máis de 60 anos estean inmunizados coa dose de reforzo ao chegar a Nadal, para "seguir loitando contra a covid.19 e seguir convivindo con este virus que segue formando parte das nosas vidas". Ademais, ratificou que, en canto se aprobe no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, aplicarase aos nenos de entre 5 e 11 anos, o cal podería ser nas vacacións do Nadal.

OUTRAS MEDIDAS

Sobre a imposición doutras medidas, Feijóo subliñou que "ningunha autoridade de saúde pública responsable pode neste momento descartar de forma categórica decisións que non dependen da autoridade sanitaria, senón da evolución e do impacto e incidencia do virus".

Feijóo destacou que neste momento as ferramentas que manexa a Xunta son as medidas implantadas, a vacinación a maiores de 60 anos antes de Nadal --ademais do persoal sanitario e sociosanitario-- e que, por iso, mentres que a situación de 500 casos diarios "non impacte na incidencia de hospitalización e UCI", manteranse nesta liña as actuacións.

Iso, sen prexuízo de "pequenas cuestións e sutilezas", como a "oportunidade de substituír actividades de pé por sentadas". "Temos ferramentas e planificación", destacou, para insistir, a continuación, que a situación epidemiolóxica de Galicia non é a de Austria ou Alemaña.

En todo caso, Feijóo defendeu que o comité clínico e o subcomité "saben moi ben que as decisións deben de ser proporcionadas", aínda que á Xunta "non lle tremerá a man" á hora de tomar outras decisións de ser necesarias.

"Se cada un cumpre coas súas obrigas, é unha decisión prudente e razoable. Se temos vacinas, vacinaremos a nenos rápido, que son un vector de transmisión, e aos maiores de 60 anos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta