Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 18:40
O Sindicato de Enfermaría Satse en Galicia advertiu de que estes profesionais "non farán de policías" e non asumirán as funcións de control do certificado covid de acompañantes e visitas dos pacientes nos hospitais. Nun comunicado, o sindicato avisa de que recorrerá "xudicialmente" se se "obriga" aos enfermeiros a realizar estas funcións de control e vixilancia.
Así, refírese a un punto do Plan de actuación asistencial no ámbito hospitalario en situación de normalidade progresiva fronte ao Sars-Cov-2 do Sergas, no que esixe o certificado covid ás visitas e acompañantes dos pacientes hospitalarios. No devandito apartado refírese "expresamente ao control deste aspecto nas Unidades de Hospitalización", co cal o Satse conclúe que "recaerá nas enfermeiras este labor".
O sindicato considera que as profesionais xa están "sobrecargadas e infradotadas de forma notable" na comunidade galega como para "imporlles funcións propias de persoal de seguridade ou mesmo policiais".
O control e a vixilancia das visitas "non están dentro das moitas competencias" que asume este colectivo, declara o sindicato, e indica que hai persoal de seguridade contratado para a "vixilancia e control das entradas, saídas e permanencia de persoas" nos hospitais.
Por todo iso, Satse insta á Consellería de Sanidade e ao xerente do Sergas, José Flores, a "que aclare de inmediato este apartado do plan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.