Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/12/2021 | Actualizada ás 21:52
A creación da marca Pontevedra Capital Gastro quere converter a Pontevedra nun referente gastronómico nacional e internacional. Para facelo posible a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, en colaboración coa firma Carta Blanca, pon agora en marcha unha incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos: o Capital Gastro Lab. Trátase dun programa que establecerá criterios profesionais á hora de emprender ou innovar en empresas xa existentes, facendo chegar aos empresarios dos sectores da restauración e a alimentación as claves para levar a cabo iniciativas exitosas, que dinamicen e fagan crecer a economía da cidade e xeren postos de traballo estables.
Este novo ‘chanzo’ na configuración da marca Pontevedra Capital Gastro desenvolverase ao longo de 2022 en catro fases diferenciadas máis unha final, das cales a primeira dará comezo de forma inmediata. Dita fase inicial prolongarase ata o 28 de febreiro e consistirá na constitución dun grupo de expertos.
Segundo explicou este luns Yoya Blanco durante o acto de presentación do Gastro Lab, “nesta fase daráselle publicidade ás bases de presentación e aos criterios de selección dos proxectos (publicaranse o día 2 de xaneiro), entre eles a sostibilidade, a innovación, a igualdade, a dixitalización, a viabilidade ou o feito de que deberán ser realizados na ou desde a cidade de Pontevedra”. A edil socialista estivo acompañada na súa comparecencia pola portavoz de Carta Blanca, Elena Vitoria, e pola “madriña de honra” desta incubadora de proxectos gastronómicos, a investigadora e divulgadora independente de tendencias, innovación e estratexia en turismo, hostalería e restauración Eva Ballarín, “experta do Basque Culinary Center que conta con máis de 160 conferencias online e offline ás súas costas e que é considerada unha das 150 máis influíntes do mundo do turismo (Sergestur 2020 e 2021) e unha das mulleres con maior influenza da gastronomía española”.
PARTICIPACIÓN DE EVA BALLARÍN
Ballarín axudará a dar visibilidade e poñer en valor o Capital Gastro Lab, participando de xeito virtual nas reunións que permitirán definir as súas bases e intervindo como condutora das mesmas, contribuíndo así á posta en marcha dunha segunda fase, que se desenvolverá entre o 1 e o 31 de marzo e na que se levarán a cabo catro cortes de selección.
Tal e como avanzou Yoya Blanco, “nesta segunda fase, Eva Ballarín protagonizará unha sesión individual de mentoría de 30 minutos para os seis finalistas, co obxectivo de encauzar a visión estratéxica dos seus proxectos”. “Deste xeito -indicou a concelleira do PSOE- entrariamos nunha terceira fase, entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cunha formación común en materias como dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financeira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo!.
Neste período de formación común, Ballarín tamén impartirá unha masterclass de 60 minutos, achegando a súa experiencia nas materias de dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financieira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo.
Na cuarta fase do Gastro Lab, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 13 de outubro, abrirase un período de formación específica e mentorización individual, no que cada proxecto contará coa asistencia dun padriño ou madriña, persoas do mundo empresarial de éxito e con moito coñecemento do sector no que se desenvolva o proxecto. “O obxectivo é que preparen de xeito óptimo as súas presentacións para gran final, que terá lugar o 14 de outubro”, subliñou a concelleira Yoya Blanco.
"PROXECTO HONESTO E CONSISTENTE"
“Estou aquí porque o proxecto que me presentaron de Capital Gastro Lab é un proxecto honesto e consistente. Proxectos e iniciativas hai moitísimos, pero a consistencia e a claridade de saber como estimular a innovación e o emprendemento non é tan habitual. Nos últimos anos mudou moito a nosa visión da hostalería, do turismo e das cidade e do que estas nos teñen que ofrecer. Deixamos de pensar que os grandes focos como Madrid ou Barcelona son os importantes e démonos conta de que existe unha riqueza máis aló destas grandes capitais que descoñeciamos e que nos perdemos durante moito tempo. Pontevedra é un enclave xeopolítico absolutamente estratéxico nesta zona do noso país e forma parte dun dos eixos con maiores posibilidades de dinamización”, afirmou Eva Ballarín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.