Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 17:32
O comité de empresa de Xeal denuncia que a empresa "rompe as negociacións de maneira unilateral" e "deixa sen o convenio colectivo propio" aos traballadores". Segundo sinala nun comunicado, isto ocorreu nunha reunión este martes no Consello Galego de Relacións Laborais e Xeal "xa anunciou que non recoñece dereitos sociais consolidados no convenio colectivo, como o lote de nadal".
Esta decisión, apunta, supón "un paso máis na deterioración progresiva que viven as fábricas de Cee e Dumbría desde a chegada hai dous anos do fondo de investimento TPG-Ithaka".
Ante isto, o comité convocou asembleas de traballadores para este xoves ás 10,00 horas na planta de Brens e ás 12,00 horas na de Dumbría. Pola tarde haberá outra con persoal xubilado e pasivo, no Concello de Cee. Entre outras medidas, o comité, que chamará á mobilización, estuda "todas as accións sindicais e xudiciais para garantir o mantemento do convenio de empresa". Demanda á Xunta "que deixe de ser cómplice destes ataques".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.