Por Europa Press / Redacción | FERROL | 02/01/2022 | Actualizada ás 17:47
As capturas de ameixa babosa na ría de Ferrol, a especie máis importante para o sector marisqueiro local nas últimas dúas décadas e media, descenderon o ano pasado un 20% con respecto ao 2020.
A caída do stock de bivalvo de talla comercial que vén evidenciándose nas cifras de extracción ao longo dos últimos anos alcanzou en 2021 o seu peor dato, con 25.600 quilos comercializados (aínda que son cifras provisionais) polas tres confrarías da ría (Barallobre, Ferrol e Mugardos), unhas seis toneladas e media menos que en todo 2020.
O lado positivo é o incremento do prezo medio, que pasou dos 17,6 euros o quilo aos 19,9 do ano pasado. A evolución das capturas de ameixa babosa, que se recolle na plataforma pescadegalicia.gal, da Consellería do Mar, reflicte unha grave deterioración desta pesqueira.
A ameixa babosa é a especie máis extraída e comercializada da ría de Ferrol desde que existe un rexistro (2001). Nestes vinte anos vendéronse polas canles legais máis de 3.366 toneladas desta especie, o dobre, por exemplo, que a segunda en volume de capturas, o berberecho.
Con todo, esta importancia foi minguando e nos últimos anos xa non foi a máis extraída. En Mugardos foi a terceira; en Barallobre, a sexta, e en Ferrol, a oitava. Tomando como referencia a serie máis recente, o descenso é moi acusado. En 2014, por exemplo, capturaton preto de 300 toneladas, que reportaron aos depósitos uns ingresos de case tres millóns de euros.
Desde entón, a caída foi sostida e denunciada en reiteradas ocasións polos patróns maiores das tres confrarías, ata tocar fondo, por agora, o pasado 2021.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.