Piden suspender os campionatos de caza de Galicia pola alza de contaxios

Ecoloxistas en Acción pide "sentidiño" á Xunta no tocante a unhas celebracións que poderían reunir ata 50 persoas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2022 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A plataforma Ecoloxistas en Acción vén de pedir á Xunta de Galicia que suspenda os campionatos de caza de raposo previstos para este ano pola situación sanitaria que atravesa a Comunidade. Así o fixeron nun comunicado ao que tivo acceso Galicia Confidencial e no que instan á administración galega a "ter 'sentidiño'" para poñer freo a unhas celebracións nas que, segundo temen, poderían verse incumpridas as recomendacións sanitarias.

Cazador
Cazador | Fonte: © Miguel Núñez

Dende Ecoloxistas argumentan que as celebracións cinexéticas previstas para este mes de xaneiro, especialmente activo no tocante á caza, contemplan reunións de ata 50 persoas. Unha cifra que, se ben se trata de encontros ao aire libre, resultaría irresponsable a ollos da plataforma en tanto que Galicia se achega xa á descoñecida cifra dos 50.000 contaxios por mor da expansión da variante Ómicron.  

"Nesta situación de pandemia cun incremento do número de contaxios alarmante resulta perigoso e neglixente, por parte da Xunta de Galiza, seguir a autorizar estas actividades cinexéticas", destacan dende a asociación, que cifra en oito as competicións de caza organizadas só pola Federación Galega de Caza para este mes de xaneiro. "Nas circunstancias actuais da pandemia, coidamos que é necesario e urxente suspender as batidas, montarías e competicións de caza polo elevado número de participantes, polos desprazamentos que supoñen e polas celebracións que adoitan levar aparelladas", subliñan.

MÁSCARAS E PCRS

Á parte, a plataforma incide na "falta de transparencia e de información" coa cal a Xunta estaría a "protexer" esta actividade, polo que temen que os participantes "non cumpran coas precaucións que se nos esixen ao resto de galegos e galegas". Neste aspecto, destacan a posibilidade de que os cazadores non sexan sometidos aos tests de antíxenos, as PCRs nin se lles requira o pasaporte covid ou a obrigatoriedade de portar máscaras. Por iso esixen "sentidiño" á Xunta e solicitan a cancelación das competicións cinexéticas para este mes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta