Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/01/2022 | Actualizada ás 18:23
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Ministerio de Transición que denegue a autorización para a construción dunha subestación eléctrica en Abegondo (A Coruña) porque entende que o expediente preceptivo previo non está completo.
Rego, acompañado por responsables comarcais e municipais do BNG na zona, reuniuse este martes cos veciños da localidade coruñesa afectados polo proxecto de construción, aos que mostrou o seu apoio. Tamén lles presentou as distintas iniciativas rexistradas no Congreso para solicitar ao Goberno que denegue o permiso para o proxecto.
A formación nacionalista tamén pediu denegar o 'Estudo de Impacto Ambiental' presentado para o proxecto e a a solicitude de Autorización Administrativa Previa dos parques eólicos Mistral e Nordés e das súas infraestruturas de evacuación.
O BNG cualificou de "rechamante" a inclusión da construción desta subestación eléctrica no proxecto para a evaluación dos parques eólicos porque, segundo afirmaron, o proxecto da devandita subestación leva paralizado desde 2019.
En opinión do deputado nacionalista, "debe anularse a tramitación e a súa aprobación porque non se cumpre con elementos esenciais do procedemento como é o respecto ao principio de publicidade sobre o emprazamento definitivo da subestación".
En canto aos efectos ambientais, o BNG asegurou que o estudo pon de manifesto que a construción destes proxectos "implicará severos efectos no medio ambiente que afectará de maneira específicas a fauna en especies catalogadas como vulnerables e ameazadas ou en perigo crítico".
Ademais, a formación nacionalista alegou que o estudo do impacto ambiental presentado non recolle, entre outras cousas a preexistencia a efectos ambientais da Liña Aérea de Alta Tensión que conecta a central térmica das Pontes coa estación Mesón do Vento, en Ordes, co que a liña de evacuación proposta sobreponse en varios tramos coa xa existente.
Por último, Rego quixo destacar a proximidade dos parques eólicos e as súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación que, segundo o deputado, "representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos seus habitantes" e "dificultan a fixación da poboación e o fomento do emprendemento no medio rural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.