A Xunta convoca as axudas de mobilidade do programa Erasmus+

O prazo estará aberto ata o 3 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia convocou as axudas á mobilidade complementarias ás xa achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, para alumnado universitario que participa en Erasmus Estudos durante o curso 2021/2022. Tal e como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 1.653.000 a esta liña de axudas, "que supón practicamente o dobre con respecto á anterior convocatoria (que foi de 891.000 euros)".

Estudante Erasmus.. JCCM
Estudante Erasmus.. JCCM


Así, todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas poderán ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas para estancias de entre tres e nove meses. A solicitude deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos a través de calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo estará aberto ata o 3 de febreiro.

Segundo explican, as axudas poden ser de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1(Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).

REQUISITOS

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2021/22 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para realizar estudos universitarios oficiais que conduzan a unha titulación de grao; e participar no mencionado programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Matizan ademais que non poderán optar á axuda os que xa a gozaron en convocatorias anteriores e o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta