Por Pablo Chao | Santiago de Compostela | 16/01/2022 | Actualizada ás 14:00
O Roller Derby é un deporte de contacto en equipo que se xoga sobre patíns clásicos, de catro rodas, nunha pista ovalada. En cada un dos conxuntos, catro defensoras teñen que impedir o paso da anotadora contraria (patinadora cunha estrela na cabeza no seu cobrecascos) e lograr que a anotadora do seu equipo atravese primeiro o "muro" de bloqueadoras rival.
É un deporte dinámico, estratéxico e divertido, pero tamén feminista, inclusivo, minoritario e autoxestionado, o que o converte, quizais, en máis atractivo ao público. Esta disciplina aúna velocidade e estratexia, pero tamén contacto baixo unhas "estritas normas e regras" que os árbitros controlan en todo momento.
As pistas ovaladas, onde se practica o Roller Derby, escasean non só en España senón en todo o mundo. Polo tanto, as xogadoras adaptáronse a esta circunstancia e marcan as medidas nos pavillóns e pistas de certo tamaño para poder practicalo.
"Este deporte comezou a rodar nos anos 20 como unha evolución das carreiras de velocidade. Non obstante, o Roller Derby sufriu un declive nos anos 70 pero a comezos do século XXI establecéronse unhas regras firmes e asentouse como o que é: un deporte feito por mulleres para mulleres", explica Eva Sanjuan, xogadora e membro de varios comités de As Brigantias, equipo coruñés de Roller Derby.
Actualmente, comezan a aparecer equipos masculinos, pero elas seguen sendo maioría. "Toda persoa que se sinta muller pode xogar", asegura Sanjuan, que explica que é necesario cumprir os 18 anos ou, se se ten entre 16 e 18, dispoñer dunha autorización de pais ou titores.
AS BRIGANTIAS
As Brigantias é un equipo coruñés que naceu a finais do ano 2012, en resposta a unha convocatoria anónima mediante as redes sociais. A ela acudiron un grupo de mulleres descoñecidas entre sí, pero coa curiosidade e motivación suficiente para comezar o que se convertería no primeiro equipo de Roller Derby da Coruña.
No ano 2016 convértese nun club, fedérase e comeza a xogar os seus primeiros partidos. Posteriormente o ano 2018, foi un dos anos claves da historia do clube xa que entra a formar parte como membro aprendiz da WFTDA (Womens Flat Track Derby Associacion), o organismo rector do Roller Derby profesional.
Nese mesmo ano, A Coruña albergou a WFTDA Playoffs 2018, converténdose na segunda sede europea na historia de conseguilo nunha das competicións máis importantes deste deporte.
TEAM GALIZA
Neste mes de xaneiro comezará a liga nacional de roller derby ARDE-WFTDA, onde o Team Galiza participará co obxectivo de acadar a mellor puntuación posible na competición nacional máis importante desta modalidade.
Participan 14 equipos procedentes das diferentes comunidades da península: Asturias, Pais Vasco, Navarra, A Rioxa, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castela e León, Extremadura, Madrid, Murcia, Canarias e Galicia.
Esta liga é integramente organizada polas xogadoras que participan nela a través da asociación ARDE (Asociación de Roller Derby de España). Dita entidade está formada polos máis de 30 equipos de roller derby que hai actualmente en España.
O Team Galiza nesta primeira fase competirá contra Insubmises Roller Derby Reus, La Güestia Roller Derby Asturies e Destroyer Kinkis procedentes de Cáceres e Salamanca. O 15 de mayo coñecerase os equipos que pasan a fase final.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.