Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 12:46
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, criticou este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por oporse á reforma laboral que está a impulsar o Goberno e que pretende "erradicar a contratación precaria".
En rolda de prensa e acompañado polos deputados nas Cortes Guillermo Meijón e Ángeles Marra, e os senadores María Adrio e Modesto Pose, Regades enumerou os cambios que traerá o novo texto do Executivo, que permitirá "sentar as bases para seguir xerando emprego". Segundo el, a reforma é froito do consenso entre sindicatos e empresarios, polo que non entende o rexeitamento por parte do Partido Popular e do BNG. Así, lamentou o "silencio" de Núñez Feijóo e asegurou que este podería ser o momento de demostrar que é un "político de estado e de raza" e mostrar o seu apoio.
"É unha oportunidade crave para sumarse á inmensa maioría da poboación", reivindicou, tras criticar a "ausencia de proxecto económico e industrial" que, ao seu xuízo, ten a Xunta para Galicia. Sobre Pontón, Regades lamentou que o BNG siga na política de "todo o que vén de Madrid é malo". Para os nacionalistas tamén tivo palabras Guillermo Meijón, quen criticou que o seu discurso sempre é o mesmo: "Todo vai na boa dirección, pero nunca é suficiente".
Entre as melloras que traerá consigo a reforma laboral, Regades puxo en valor a recuperación dos convenios colectivos sectoriais, a aposta pola contratación indefinida e a desaparición do contrato por obra ou servizo. Preguntado sobre o papel de Unidas Podemos e da vicepresidenta segunda Yolanda Díaz na creación da reforma, o secretario xeral provincial de PSdeG-PSOE indicou que o Goberno de Pedro Sánchez é unha coalición e só hai un Executivo, aínda que deu as grazas a todos os ministros que participaron na creación do texto, "sexan do partido que sexan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.